Sae á luz o proxecto de Altri na Ulloa: unha celulosa encuberta

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu esta segunda feira o anuncio da Secretaría Xeral de Industria da Consellaría de Economía que abre o prazo de exposición pública para o proxecto da celulosa portuguesa Altri en Palas de Rei (A Ulloa).
José Pina (terceiro pola esquerda), conselleiro de Altri, na Casa de Galiza en Madrid o ano pasado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Pina (terceiro pola esquerda), conselleiro de Altri, na Casa de Galiza en Madrid o ano pasado. (Foto: Nós Diario)

Segundo a publicación do DOG sométense a este proceso de publicidade a Autorización Ambiental Integrada (AAI), o Estudo de Impacto Ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e o proxecto de Altri en Palas de Rei tanto da planta como doutras infraestruturas asociadas á mesma. A que foi anunciada pola Xunta da Galiza como unha fábrica “eco” e “bio” de produción de fibras téxtiles, aparece agora no DOG como unha fábrica de celulosa ao mesmo nivel que a de Ence en Lourizán, Pontevedra.

O proxecto feito público onte por primeira vez desde o seu anuncio en 2022 e a súa declaración como Proxecto Industrial Estratéxico polo Consello da Xunta en 2022, revela na práctica que se trata dunha nova celulosa na Galiza. Segundo recolle o DOG, Altri quere instalar en Palas de Rei “unha fábrica de fibra téxtil a base de celulosa, cunha capacidade final de produción de 400.000 toneladas anuais de celulosa e só a metade, 200.000 toneladas ao ano de lyocell (un tecido artificial e ecolóxico fabricado a partir de pasta de madeira de eucalipto)”. Ence produce en Lourizán entre 400.000 e 450.000 toneladas ao ano.

Catro veces máis celulosa

Para iso o proxecto explica que haberá unha “fase inicial (fase I) cunha produción de 250.000 toneladas anuais de celulosa e 60.000 de lyocell”. Ademais detallan que “como materia prima básica utilizarase inicialmente (fase I) aproximadamente 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto (Eucalyptus globulus e nitens)". Altri presentouse na Galiza hai máis de dous anos, da man da Xunta e da consultora Acento (cuxo socio fundador é o ex ministro socialista José Branco), ofertando “a primeira fábrica de fibras téxtiles ecolóxica de España”.

Logo de lograr un emprazamento en Palas de Rei de 366 hectáreas (10 veces máis que Ence en Lourizán), sae á luz que o principal obxectivo nesta planta -agora con Greenfiber SL como promotora, após un cambio de titularidade no proxecto en xullo de 2023- é a “fabricación de pasta papeleira”, segundo recolle o Rexistro mercantil.

Falta de transparencia

Veciñanza afectada en Palas de Rei, Melide, Santiso e Agolada directamente polo proxecto de Altri, organizada na Plataforma Ulloa Viva, critica que desde o anuncio do mesmo “houbo falta de transparencia total” tanto pola empresa como pola Xunta. Os principais afectados por este proxecto critican que “nin a Administración nin a empresa explicou nada do proxecto, temos que coñecelo pola prensa e o DOG”. Critican o “fraccionamento” que a empresa e a Xunta teñen levado a cabo no proceso de exposición pública do proxecto, algo que “pode ser unha ilegalidade e que xa botou abaixo nos tribunais varios parques eólicos”, din.

A primeira parte do proxecto, a da captación de 46 millóns de litros de auga ao día no encoro de Portodemouros e a vertedura de 2 km arriba na parroquia do Sexo (Agolada), saíu a exposición pública en decembro. Centos de veciños e veciñas alegaron contra esa fase do proxecto, pero logo de rematar o pasado 28 de febreiro o proceso de alegacións “e sen sabermos nada ao respecto por parte de Augas de Galiza”, unha semana despois a Xunta e a empresa seguen avante coa tramitación exprés da celulosa de Palas.

Críticas a unha fábrica que "incumpriría" a normativa da UE

Altri e o seu proxecto dunha nova celulosa chegaron á Galiza da man da consultora Acento e o pulo da sociedade público-privada Impulsa Galiza, participada en 40% pola Xunta, 38% por Abanca, 12% de Reganosa e o 10% restante por Sogama. O proxecto de Altri para esta planta, que en principio ía ir para A Mariña, comezou a nome de Altri Participaciones y Trading SL. Despois, en novembro de 2022, nun acto público en Compostela o fundador e principal accionista de Greenalia SL, Manuel García Pardo, entrou a formar parte de Greenfiber SL. En de 2023, o “Proxecto Gama” de Altri cambia de titularidade a nome de Greenfiber, unha muda que a Xunta considerou “non substancial”.

Outro padriño de Altri na Galiza é o grupo Acento, do ex ministro José Branco, actual CEO da compañía, e considerado como “lobby” que asesora  clientes coma La Liga, Huawei ou Marrocos. Esta consultora foi fundada por Branco e o ex alcalde co PP de Vitoria, Alfonso Alonso. Entre os seus membros conta con populares e socialistas como Valeriano Gómez, Elena Valenciano, José María Lasalle ou Esteban González (fillo do deputado do PP González Pons). A Plataforma Ulloa Viva está disposta a ir aos tribunais para defender o que considera un ataque á Ulloa cun proxecto que ”incumpre flagrantemente a normativa da UE en materia de sostibilidade".

Comentarios