Medio Ambiente

A fábrica de Altri de Palas de Rei emprázase nuns terreos que Feixoo quixo incorporar á Rede Natura en 2011

 A factoría de Altri prevista no concello de Palas de Rei estaría emprazada nuns terreos propostos pola Xunta da Galiza, en 2011, para facer parte da Rede Natura 2000. Ademais, lindaría coa zona de especial conservación (ZEC) da Serra do Careón.

Eltri_palas_rei_lugo_ubicacion_junto_zec_serra_do_careon(1)
photo_camera Zona da Rede Natura 2000 en verde e área de expansión proposta pola Xunta en 2011 en morado. (Infografía: Adega).

A Comisión Europea leva practicamente dúas décadas premendo o Executivo galego para que amplíe o ámbito da Rede Natura 2000. Á volta de 2008, o Goberno bipartito de PSdeG e BNG presentou unha proposta de ampliación de espazos protexidos, derrogada polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo un ano máis tarde. En 2012, atendendo a novos requirimentos das autoridades comunitarias, o Executivo de Feixoo someteu a exposición pública unha nova delimitación da Rede Natura 2000, que incluíu novas áreas de valor ambiental conforme aos criterios marcados pola lexislación europea.

Estudo de Impacto Ambiental

A proposta de expansión da Rede Natura 2000 formulada en 2010 polo Goberno de Núñez Feixoo incorporaba os terreos de Palas de Rei (A Ulloa) onde agora pretende emprazar Altri a súa fábrica de viscosa. A este respecto, a asociación ecoloxista Adega afirma “en ningunha parte do EIA (Estudo de Impacto Ambiental) se menciona o feito de que os terreos a ocupar polas infraestruturas de Altri fan parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 galega, presentada pola Xunta tanto en 2008 como en 2011”.

Os predios escollidos por Altri para o seu emprazamento lindan coa actual delimitación da Rede Natura 2000. Nesta liña, Adega alerta que “chama a atención que pretendan instalar todo un polígono industrial xusto a carón, a cero metros, dun espazo protexido (ZEC Serra do Careón) con hábitats prioritarios e que consideren que o seu impacto sexa compatíbel”. Ao tempo, afirma que “sería paradoxal que os fondos europeos que reclama Altri para construír a súa factoría servisen para coartar a ampliación da  Rede Natura 2000 e degradar un espazo para o que a propia Comisión Europea reclamou protección”.

Altri condiciona a posta en marcha da súa fábrica na Galiza á recepción de fondos procedentes do programa comunitario Next Generation. Concretamente, reclama axudas públicas por unha contía de 250 millóns de euros, aproximadamente 30% do investimento previsto na súa planta de Palas de Rei para erguer una fábrica que daría emprego arredor de 200 persoas.

A este respecto, a economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María do Carme García Negro sinala que "nun proxecto axustado de 200.000 toneladas empregará, inicialmente, moito menos de 200 persoas".

Especies vexetais únicas

Adega advirte de que os terreos escollidos por Altri para emprazarse destacan pola súa “singular rareza xeolóxica e botánica”. Así, a asociación ecoloxista apunta que “aparecen especies vexetais únicas, plantas endémicas cuxa área de distribución mundial se limita a uns poucos quilómetros cadrados nos que afloran estas rochas serpentiníticas. En concreto, estes raros endemismos botánicos afectados polo proxecto son a Santolina de Melide, a Herba de namorar de Merino e a Magarza de Barazón”.

Comentarios