Radiografía do sector vitivinícola na Galiza: hai vides en 150 concellos e 40% dos viticultores do Estado español están aquí

O sector xera 15.900 empregos a tempo completo, segundo o estudo A importancia económica e  social do sector vitivinícola en Galicia, publicado pola Interprofesional del Vino (OIVE).
Un vendimador recolle a uva en Doade (Sober). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un vendimador recolle a uva en Doade (Sober). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Cunha cifra de 219.356 persoas dedicadas á viticultura, a Galiza suma 39,9% de viticultores do estado español, segundo o estudo A importancia económica e  social do sector vitivinícola en Galicia, publicado pola Interprofesional del Vino de España (OIVE).

Galiza conta cun tecido empresarial vitivinícola atomizado, indica o texto, onde 79% das empresas da mostra tomada en 2019 para o informe son microempresas. En canto á súa forma xurídica,  7% das empresas son cooperativas.

Con todo, o sector vitivinícola achega 1,4% do PIB galego e as actividades de viticultura, elaboración e comercialización de viño supoñen uns 890 millóns de euros de Valor Engadido Bruto (VEB) ao ano, dos cales 484 millóns son unha contribución directa do sector, 208 son xerados por outras actividades subministradoras do sector (comercio, enerxía, transporte etc.) e 198 son de efecto inducido.  

O estudo apunta á contribución positiva do sector á balanza de pagos, cun superávit comercial superior aos 50 millóns de euros anuais. Os dous principais mercados de destino son Estados Unidos e Reino Unido, que concentran  43,2% do total exportado.

Emprego

En canto ao seu impacto social, o sector xera 15.900 empregos a tempo completo (55,5% en postos de traballo directos) e hai presenza de vides en 150 concellos da Galiza (un 47,3% do total), cunha superficie aproximada de 33.283 hectáreas, o que indica presenza de minifundismo aínda que pode tamén supoñer un factor de fixación de poboación no medio rural.

Respecto á produción, a Galiza achega 2,3% do viño estatal, con 777.123 hectolitros ao ano que proceden, nun 86,7%, das provincias de Pontevedra e Ourense.

Dende a OIVE afirman que co informe “ponse unha vez máis de manifesto a importancia socioeconómica do sector vitivinícola”.

O documento é parte dunha liña de informes (a nivel estatal e autonómica) que poñen de relevo a relevancia do viño no plano económico, social e ambiental. “Desenvolver e consolidar a información relevante do sector é unha das accións contempladas tamén na Estratexia do sector vitivinícola español 2022-2027, unha folla de ruta consensuada por todo o sector para afrontar os retos de futuro”, afirman

Comentarios