As queixas da pesca galega chegan a Europa

A Consellaría do Mar e os membros do Consello Galego de Pesca expuxeron as súas inquedanzas ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo nunha reunión telemática que cualificaron de "positiva". Enriba da mesa as cotas e o sistema de control que se pretende aplicar á frota desde Europa.  
Embarcacións de pesca no porto de Celeiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Embarcacións de pesca no porto de Celeiro, un dos que máis traballa en augas próximas ao Reino Unido (Nós Diario)

As recomendacións científicas do Consello Internacional para a explotación do Mar (CIEM), adoptadas polo Parlamento Europeo no seu acordo provisional co Goberno do Reino Unido o pasado 23 de marzo, supuxeron un duro golpe para a frota galega. A proposta de Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) supón dificultades para especies como a pescada, o rapante, a xarda ou o lirio, entre outras.

Esta terza feira, 13 de abril, a propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto co secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites, o presidente da organización de Produtores de Pesca, Sergio López, e o presidente da Federación de confrarías de mariñeiros, José Antonio Pérez, trasmitíronlle de maneira telemática ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, a queixa do sector galego, que representa ao redor de 75% do total da frota estatal que traballa en augas afectadas pola saída do Reino Unido da Unión Europea

Un encontro positivo 

Na xuntanza entraron varios temas e para sorpresa da propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, o resultado foi "moi positivo". Pode que na receptividade de Karleskind neste encontro teña algo que ver a súa procedencia bretoa, un territorio pesqueiro con características semellantes ás da Galiza. A titular de Mar incidiu durante toda a reunión na necesidade de que se logre un acordo entre as partes para dar seguridade xurídica e estabilidade á frota así como a importancia de ter en conta os aspectos sociais e económicos na fixación das posibilidades de captura, tal e como estabelece a Política Pesqueira Común (PPC).

A representante da Xunta expuxo que vencellar o acordo exclusivamente ás recomendacións científicas suporía un mal precedente e avogou por avanzar nas negociacións de cara a 2026 blindando o mantemento do statu quo en canto ás pesqueiras, alcanzando o acceso ás augas británicas a cambio da entrada dos produtos do Reino Unido no mercado europeo.  

Presente tamén na reunión, Juan Vieites, secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, tamén considerou positiva a resposta do presidente da Comisión de Pesca a todas as demandas. Explica a Nós Diario que pediron "o apoio" para un sector que "aposta por un control equilibrado na súa trazabilidade alimentaria". Entre os temas que salienta de importancia está o Fondo de Compensación, do que demanda "unha igualdade no trato das indemnizacións" entre os diferentes estados membros. Lembra que tal e como está deseñado o sistema de produción debe "abastecerse de orixes diferentes" diante da dificultade que contempla unha produción de "600 unidades por minuto cada 24 horas".

As queixas da pesca tradicional

As confrarías galegas tamén  quixeron transmitir a Karleskind o seu malestar polas medidas de control impostas para a pesca artesanal e que protagonizaron una masiva protesta do sector o pasado 26 de marzo. "Pedímoslle que tivese cordura e sentido común, deben falar con nós antes de tomar calquera decisión", apunta José Antonio Pérez, "e cremos que aínda se pode cambiar algo do acordado", engade, en declaracións a Nós Diario

A resposta do representante da comisión do Parlamento Europeo foi, para Pérez, moi receptiva. "Asegurounos que non tiñan présa" en activar as medidas que deron a coñecer e que causaron alarma días atrás entre a frota artesanal. O patrón maior da confraría de Ribeira cre que na comisión de pesca do Parlamento Europeo se deron "conta de que lexislaron sen decatarse de como está o sector".

Outro dos temas que se lle trasladou por parte das confrarías foi o rexeitamento da última norma de control que se deu a coñecer e que obriga as mariscadoras a pé a retransmitir desde a mesma praia as capturas. "Iso para nós é inviábel, agardamos que fagan caso das nosas alegacións e que teñan sentido común no Parlamento Europeo". 

En relación ás medidas de control da frota, tamén Rosa Quintana quixo deixar claro ao representante europeo que "supoñen maior burocracia e non implican unha mellora substancial no control, como é o caso da xeolocalización das embarcacións de menos de 12 metros de eslora", unha exixencia, incide a conselleira do Mar, que afectaría a moitas embarcacións que realizan mareas inferiores a 24 horas.

Desde o Goberno galego a postura foi defender a exclusión da baixura e do marisqueo desa obrigatoriedade normativa posto que o dispositivo supón un custo importante para a frota e trátase de profesionais ben controlados ao atoparse perto da costa.

Comentarios