As confrarías pararán en protesta coa nova normativa de control da UE

O novo regulamento da UE obrigará o sector pesqueiro artesanal galego a introducir modificacións tecnolóxicas que desde a Federación de Confrarías consideran "inviábeis". Por este motivo anuncian un paro para a vindeira sexta feira, 26 de marzo, e exixen a dimisión da eurodeputada Clara Aguilera (PSOE), relatora da iniciativa da que xurdiu esta nova normativa de control.  
Mariñeiro pescando nunha embarcación menor na ría de Vigo (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Mariñeiro pescando nunha embarcación menor na ría de Vigo (Foto: Xunta da Galiza)

O sector da pesca tradicional galega decidiu pasar á acción e protestar polo que consideran "acoso" á súa profesión por parte da Unión Europea (UE).

O Comité Executivo da Federación Galega de Confrarías xa anunciara, após unha reunión realizada o pasado sábado 13 de marzo, que convocaría unha xuntanza en liña co conxunto de patroas e patróns maiores da Galiza coa intención de valorar o Novo Regulamento de Control aprobado polo Parlamento Europeo de Pesca e decidir as medidas a tomar.

Esta segunda feira, como resultado desa valoración, anunciaron que realizarán un paro de toda a frota artesanal a vindeira sexta feira 26 de marzo e que farán soar as sirenas dos buques ás 12 horas en sinal de protesta para visibilizar o seu malestar. 

Imposibilidade de cumprir coa normativa

A proposta actual da UE é que os buques estean obrigados a rexistrar as súas capturas de forma electrónica e non en papel como realizaban até agora as embarcacións cunha eslora superior a 10 metros que levan un diario de pesca. "Estamos cansos de que nos criminalicen cando saímos ao mar", asegura a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadoras e Pescadores, José Antonio Pérez Sieira.

Afirma que "cada paso que damos parece que ten que estar controlado por cámaras de xeolocalización" cando "volver retransmitir desde as embarcacións menores, onde non temos nin onde meter un bocadillo nin contamos con ponte de mando e estamos todos xuntos tras do peirao, non ten sentido", máxime cando, di, "pasamos un control polas lanchas de vixilancia, outro ao descargar notas da propia lonxa e aínda por riba querer impornos isto". 

Desde a federación non entenden a razón de que non se aceptara a modificación da definición de pesca artesanal por parte da UE. "A frota artesanal é un mundo á parte", explica Pérez Sieira, "para facer unha norma teñen que vir aquí e saber como traballamos", engade. A imposibilidade de cumprir a nova normativa ten unha explicación lóxica polo tamaño da maior parte das embarcacións.

"Cando traballas nunha de catro metros ou nunha dorna, que non teñen baterías, como se instalarán?", pregúntase o responsábel das confrarías. O temor desde o sector é que a aplicación da normativa veña acompañada de sancións para quen non adapte esta instrumentación que, ademais, implicaría un gasto engadido que non poderían asumir. Lembran que algo semellante sucedeu en 2019 con outra norma.

"Daquela fixeron a lei de descartes e non tiñan nada preparado", conta Pérez Sieira, "o resultado foi que ninguén sabía onde se tiña que descargar un descarte e non se puido implantar", agrega. Por este motivo pensa que agora, con esta nova normativa, acontecerá o mesmo, por non anticiparse.

Mocións nos concellos e petición de dimisión

Ademais de convocar o paro na Galiza, pensan dirixirse por escrito á Federación Estatal de Confrarías para que informe o resto das confrarías de pescadoras e pescadores da decisión que tomou o sector galego. 

Outra das medidas que pensan activar será buscar a solidariedade dos concellos galegos para que aproben, mediante mocións de apoio á frota artesanal, o seu rexeitamento deste novo regulamento de control

Por último exixen o cesamento inmediato da eurodeputada  Clara Aguilera (PSOE), relatora da iniciativa española pola que se imporá esta normativa na Galiza e en todo o territorio da UE. "Veu convidada polo Consello Galego de Pesca, explicámoslle como traballabamos, enviámoslle cartas e aínda así presionou no Parlamento Europeo para que se fixera desta maneira que tanto nos prexudica", sinala o responsábel das confrarías, "isto é o que máis nos doe ao sector", sentencia.

Comentarios