Os 27 negociarán á marxe de Reino Unido as posibilidades de pesca en augas británicas

A menos de dez días de esgotar o prazo actual sen acordo con Reino Unido, Bruxelas vese obrigada a asignar unilateralmente os totais admisíbeis de capturas (TAC) para a flota comunitaria até o mes de xullo
Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera comision-europea UE bruxelas

A falla de avances nas negociacións entre Bruxelas e Londres e as escasas posibilidades de chegar a un acordo antes de que acabe marzo leva os ministros e ministras de Pesca da Unión Europea a abordar hoxe e mañá de xeito unilateral as posibilidades de pesca da frota comunitaria até finais de xullo no centenar de caladoiros que o bloque comparte con Reino Unido.

A propia Comisión advertía a semana pasada nun documento informal de que "as consultas entre a UE e Reino Unido poden non finalizar antes do 31 de marzo de 2021", data na que expira o prazo que o bloque estipulara para chegar a un acordo coas autoridades británicas.

A saída de Reino Unido do club europeo obriga a negociar cada ano os totais admisibles de capturas (TAC) de 119 'stocks' que xestionan as dúas partes, pero Bruxelas e Londres aínda non foron capaces de selar un pacto sobre os deste ano.

Cando as responsábeis de Pesca pactaron en decembro as posibilidades nos caladoiros cuxa xestión compete unicamente á Unión, tamén acordaron un plan de continxencia para o primeiro trimestre do ano que pasaba por adxudicarse para este período 25% das capturas permitidas en 2020 nos ' stocks' compartidos.

A dez días de que finalice este prazo, o Executivo comunitario propuxo aos 27 que a UE asigne unilateralmente as posibilidades de pesca para estes 'stocks' até 31 de xullo. E, no canto de empregar como referencia os TAC do ano pasado, Bruxelas expón agora que o bloque poida pescar preto de 70% do límite recomendado polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES).

En nome do Goberno español participará o ministro de Agricultura, Alimentación e Pesca, Luís Planas, quen poñerá o foco, segundo explicaron fontes diplomáticas, no galo e o rape que se captura ao Oeste de Escocia e no rape do Mar Céltico. O problema destes tres 'stocks' é que son "moi estacionais" e a súa pesqueira finaliza en agosto, polo que non tería sentido reservar cota destas especies para os últimos meses do ano.

Ademais, a delegación española tamén traballará por aumentar as posibilidades de pesca do bacallau do Oeste de Escocia e o Mar Céltico, que son especies de estrangulamento para os buques españois e cuxas posibilidades de pesca propostas por Bruxelas son "escasas" para cubrir todas as capturas accesorias.

Comentarios