A produción industrial galega cae case 6% en agosto e encadea tres meses de descensos

Galiza encadea tres meses consecutivos de retrocesos interanuais -xuño, xullo e agosto-, xa que o último dato positivo foi en maio. Este 5,8 de diminución interanual é o peor dato negativo desde xullo de 2022.
Planta de Stellantis, antiga Citroën, nas inmediacións de Balaídos na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Planta de Stellantis, antiga Citroën, nas inmediacións de Balaídos na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A produción industrial galega caeu 5,8% en agosto en comparación co mesmo mes de 2022, un descenso máis acusado de 3,6% da media estatal, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves.

Deste xeito, Galiza encadea tres meses consecutivos de retrocesos interanuais -xuño, xullo e agosto-, xa que o último dato positivo foi en maio. Este 5,8 de diminución interanual é o peor dato negativo desde xullo de 2022.

Con todo, de media do que vai de ano, entre xaneiro e agosto, hai un crecemento de 2,5% na produción industrial galega, o que contrasta coa baixada de 0,6% a nivel estatal.

Só dous territorios rexistran datos positivos no mes de agosto, Canarias (+4%) e Madrid (+1,5%), nun mes de caídas xeneralizadas. A maior caída sófrea Nafarroa (-15,9%).

Por destino económico dos bens producidos na Galiza, os bens de consumo descenden 8,9%, os de bens de equipo 4% e os intermedios un 2%. As enerxía decreceu 6,2%.

Datos estatais

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) baixou 3,6% interanual o pasado mes de agosto no Estado, taxa 1,5 puntos inferior á de xullo e o seu maior retroceso desde abril, cando diminuíu 4,2%, segundo informou o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Coa caída de agosto, a produción industrial encadea tres meses de taxas interanuais negativas despois dos retrocesos de 1,7% e de 2,1% rexistrados en xuño e xullo, respectivamente.

A produción dos bens de consumo non duradeiro foi a que máis baixou no oitavo mes do ano, cun descenso interanual de 9,8%, seguida da industria enerxética (-6,2%); os bens intermedios (-4,6%); os bens de equipo (-2,4%) e os bens de consumo non duradeiro (-0,4%).

Por sectores de actividade, os que máis recortaron a súa produción en taxa interanual foron a confección de pezas de vestir (-24,1%); a industria da madeira e a cortiza (-17,4%) e a industria do coiro e do calzado (-15,7%). Os maiores ascensos, por contra, déronse na fabricación de produtos farmacéuticos (+25,1%) e na fabricación doutro material de transporte (+20,2%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial baixou 3,4% en agosto en comparación co mesmo mes de 2022, taxa 1,2 puntos inferior á de xullo.

En termos mensuais (agosto sobre xullo) e dentro da serie corrixida, a produción industrial caeu no oitavo mes do ano 0,8%, en contraste co avance mensual de 0,1% experimentado en xullo e o aumento de 0,5% rexistrado en agosto de 2022.

Comentarios