O prezo da luz escala nesta cuarta feira a un novo máximo desde a 'excepción ibérica', con 436,25 euros/MWh

Hoxe a luz custa na tarifa regulada, de media, 273,3% máis que hai xusto un ano.
O prezo da luz aumenta considerabelmente esta segunda feira. (Foto: Andrey Popov)
photo_camera A luz é esta quinta feira 202% máis cara que na mesma altura de 2021. (Foto: Andrey Popov)

O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado ao por maior volve subir nesta cuarta feira, cunha repunta de 19,4% a respecto desta terza, para ficar nos 436,25 euros por megawatt e hora (euros/MWh), rexistrando así un novo máximo desde a entrada en vigor do tope ao gas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade. Desta maneira, o prezo da luz abonado polos beneficiarios da medida rexistrará un novo nivel máximo, o segundo consecutivo após os 365,33 euros/MWh da terza feira, desde que entrou en vigor a mediados de xuño o mecanismo. O custo é 273,3% superior ao do 24 de agosto de 2021, hai xusto un ano, cando ficaba na contorna dos 116 euros/MWh.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado, o denominado pool, situouse para esta cuarta feira en 186,95 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 22 e as 23 horas, con 236,79 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 140,07 euros/MWh, darase entre as 17 horas e as 18 horas.

A este prezo do pool súmase a compensación de 249,3 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polas persoas consumidoras beneficiarias da medida, as consumidoras da tarifa regulada (PVPC) ou as que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

Suba xeneralizada

Este encarecemento da luz prodúcese cuns niveis do prezo do gas TTF nos Países Baixos, de referencia no mercado europeo, en niveis máximos, impulsados, principalmente, polo anuncio de Gazprom de cortar a partir do 31 de agosto e durante tres días o bombeo de gas a Alemaña. Nesta terza o MWh de gas natural cotizaba por baixo dos 270 euros, logo de achegarse na segunda aos 290 euros.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo medio no Estado español sería duns 502,11 euros/MWh, o que supón 65,86 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así 15% menos de media.

Os prezos do mercado eléctrico para esta cuarta feira no resto de países europeos tamén se asoman a niveis máximos. No caso de Francia fica por riba dos 645 euros/MWh, mentres que en Alemaña supera os 624 euros/MWh e en Bélxica supera os 611 euros/MWh.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros. En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade dun prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e posteriormente un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

A vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, estimou a semana pasada que a 'excepción ibérica' supuxo un aforro de 1.383 millóns de euros para as persoas consumidoras nos seus dous meses de vixencia. Ribera indicou que esta cifra representa un aforro de 22 millóns de euros diarios desde a entrada en vigor do mecanismo.

Comentarios