Iberdrola volve ao banco de acusados: a Audiencia Nacional enxuíza a eléctrica por manipular o prezo da luz

Fiscalía pide unha multa económica de 84 millóns de euros e até dous anos de cadea para cada un dos catro altos cargos da compañía acusados de cometer un delito contra o mercado e as propias persoas consumidoras.
Ignacio Sánchez Galán é o presidente executivo da empresa do sector enerxético Iberdrola. (Foto: María José López / Europa Press) #iberdrola #acusación #ignaciosánchezgalán #villarejo #suborno #falsedadedocumental
photo_camera Ignacio Sánchez Galán é o presidente executivo da empresa enerxética Iberdrola. (Foto: María José López / Europa Press)

Un xuíz da Audiencia Nacional vén de acordar a apertura de xuízo oral contra Iberdrola Xeración e catro directivos ao considerar que en 2013 a compañía "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía" coa finalidade de "provocar unha suba do prezo da enerxía eléctrica e prexudicar os consumidores".

Nun auto datado nesta segunda feira, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2, Ismael Moreno, envía ao banco de acusados á compañía e os seus directivos por un delito relativo ao mercado e aos consumidores. En concreto, o xuíz detalla que, "para conseguir" un "maior prezo no mercado eléctrico", aumentaron o prezo nas ofertas de enerxía eléctrica correspondente ás súas centrais hidráulicas do Douro, Sil e Texo entre novembro e decembro de 2013.

E fixérono, engade, "a un nivel por riba do prezo de mercado diario que impedía casar as operacións, a pesar do incremento que experimentaban neses días os prezos da enerxía eléctrica no mercado de contado, que a situaban ante un custo óptimo de oportunidade".

"Esta situación determinou a retirada de programación das centrais referidas, isto é, deixaron de producir enerxía", engade o xuíz. Esa decisión foi adoptada, sostén, polo equipo directivo de Iberdrola composto polo director de Xestión da Enerxía, Ángel Chiarri Toscano; o responsábel de Optimización, Xestión de Recursos e Trading, Gregorio Relaño Cobián; o responsábel de Xestión de Activos, José Luis Rapún Jiménez; e Javier Paradinas Zorrilla, responsábel de Mercados a curto prazo e Xeración Global.

Para os catro directivos a Fiscalía solicita, respectivamente, a pena de dous anos de prisión, con accesoria de inhabilitación especial para emprego ou cargo público, profesión, oficio, industria, comercio, relacionado coa xeración ou comercialización de enerxía eléctrica, e multa económica de doce meses cunha cota diaria de 400 euros, con responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non satisfeitas.

O Ministerio Público pide igualmente que se impoña a Iberdrola Xeración unha pena de multa de 84.891.272 euros  —o cuádruplo do beneficio obtido— así como o comiso das ganancias obtidas.

O "artificio urdido polos acusados"

No seu auto, o instrutor detalla que Iberdrola quebrantou "a orde de mérito das centrais no despacho de produción, provocou a redución de xeración eléctrica das centrais hidráulicas de Douro, Sil e Texo, e, como consecuencia, que as operacións de compra casasen coa enerxía procedente das centrais de ciclo combinado, de custo superior e nun rango de prezos tamén máis elevado situado entre os 80 ou 90 euros/MWh fronte á media de prezos da enerxía proveniente das centrais hidráulicas situado en 45/55 €/MWh".

Foi a partir do 24 de decembro dese mesmo ano, 2013, cando "o cambio das condicións meteorolóxicas por fortes borrascas e vento provocou a redución do prezo da enerxía pola importante achega de fontes renovábeis".

"A consecuencia do artificio urdido e levado a cabo polos acusados foi a subida do prezo da enerxía eléctrica en, polo menos, 7,156 €/MWh (megawatts por hora), que ocasionou un prexuízo á demanda de, cando menos, 107.340.000 euros, tendo en conta que a mesma no período obxecto de acusación foi de 15.000 XWh (xigawatts por hora) e que o maior custo dimanante da actuación de Iberdrola, como antes sinalamos, foi de 7,156 €/MWh", apunta o maxistrado.

Só nese período a compañía despachou un total de 2.965.779 megawatts, "o que lle supuxo un beneficio de 21.222.818 euros" e que provocaría prexuízos a distintas comercializadoras desa enerxía.

Comentarios