Os carburantes alcanzan un novo récord no Estado español e o diésel supera o prezo medio na Unión Europea

A repunta da gasolina, cun novo máximo histórico que se achega aos dous euros por litro de media, deixa sen eficacia o desconto de 20 céntimos.
A gasolina é hoxe 40% máis cara que en maio de 2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A gasolina é hoxe 40% máis cara que en maio de 2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O prezo medio da gasolina no Estado español tocou un novo máximo histórico esta semana ao alcanzar os 1,94 euros por litro, polo que alcanza cifras nunca vistas antes por segunda semana consecutiva, mentres que o diésel, malia baixar 1,06%, até os 1,867 euros o litro, segue a ser máis caro que na media da Unión Europea —1,856 euros o litro—.

Os prezos que pagan as persoas consumidoras no surtidor non alcanzan este récord por mor do desconto obrigatorio de 20 céntimos que aprobou o Goberno estatal, cuxa aplicación está vixente desde o 1 de abril. Mais, a pesar diso, a escalada imparábel dos carburantes nas últimas semanas fagocitou a práctica totalidade desa axuda, xa que antes de tomar esa decisión o prezo de gasolina e gasóleo oscilaba entre os 1,75 e os 1,8 euros o litro.

En concreto, o prezo medio do litro de gasolina encadeou a súa quinta suba consecutiva após a Semana Santa e ficou nun máximo histórico de 1,94 euros, tras un encarecemento de 2,27%, segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE).

No caso do gasóleo, rexistrou un leve retroceso de 1,06% no seu prezo medio esta semana fronte á anterior, para situarse nos 1,867 euros o litro e anotar a segunda caída consecutiva.

O pasado ano nesta altura o litro de gasolina era 43,7% máis barato, mentres que no caso do gasóleo encareceuse 54,3%, sen ter en conta a bonificación vixente na actualidade.

Alza do petróleo

Estes prezos rexístranse nunha contorna de alzas constantes do cru no actual contexto, marcado pola guerra de Ucraína. Así, o barril de Brent, de referencia en Europa, cotizaba contra as 11 horas desta quinta feira arredor dos 114,5 dólares, mentres que o Texas americano intercambiábase a case 111 dólares.

O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como a súa cotización específica —independente da do petróleo—, a evolución do cru, os impostos, o custo da materia prima e da loxística e as marxes brutas.

Deste modo, a evolución na cotización do cru non se traslada directamente aos prezos dos combustíbeis. Con estes niveis, o prezo da gasolina sen chumbo 95 está no Estado español por baixo da media da Unión Europea, situada en 1,981 euros o litro, e da zona euro, cun prezo medio de 2,049 euros.

O diésel, máis caro

Porén, no caso do diésel o prezo no Estado español é superior ao da media da UE, de 1,856 euros, malia que fica por baixo da da zona euro, cun prezo de 1,896 euros.

Comentarios