O prezo da gasolina supera o do diésel: novo máximo histórico do prezo do combustíbel

En concreto, o prezo medio do litro de gasolina sitúase xa en 1,897 euros. No caso do gasóleo, o seu prezo medio está agora mesmo nos 1,887 euros o litro.
O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da gasolina tocou un novo máximo histórico esta semana e volveu a superar o do diésel, despois do 'sorpasso' que protagonizou este combustíbel o pasado mes de marzo.

O desconto de 20 céntimos aprobado polo Goberno español desde o pasado 1 de abril fai que o pago que fan os consumidores non chegue a superar ese máximo histórico.

Porén a suba constante do prezo dos carburantes nas últimas semanas fagocitou gran parte desa axuda, polo que a poboación segue a pagar prezos semellantes.

En concreto, o prezo medio do litro de gasolina sitúase xa en 1,897 euros. No caso do gasóleo, o seu prezo medio está agora mesmo nos 1,887 euros o litro.

Alza dos prezos

Con respecto a hai un ano, o prezo medio do litro de gasolina encareceuse 40,5%, mentres que no caso do gasóleo é 56,2% máis caro, sen aplicarlles a bonificación estatal.

A alza dos prezos do combustíbel está marcada pola alza do prezo do petróleo. O barril de Brent, de referencia en Europa, cotiza esta quinta feira nos 108 dólares, mentres que o Texas americano intercambiábase a máis de 106,7 dólares.

O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como a súa cotización específica (independente da do petróleo), a evolución do cru, os impostos, o custo da materia prima e da loxística e as marxes brutas.

Deste xeito, a evolución na cotización do cru non se traslada directamente aos prezos da gasolina, senón que o fai cunha marxe temporal.

Comentarios