A suba incontrolada dos carburantes fagocita o desconto de 20 céntimos por litro

Tanto gasolina como gasóleo son dez céntimos máis caros desde que se aprobaron os descontos; aliás, o prezo medio é superior ao de antes de que principiase a guerra en Ucraína a pesar deses 20 céntimos que o Goberno estatal asume en cada enchedura de depósito.
Gasolineira galega (Nós Diario)
photo_camera A gasolina subiu medio euro no último ano; o gasóleo, máis de 70 céntimos. (Foto: Nós Diario)

Desde o pasado 1 de abril, e até o vindeiro 30 de xuño, todas as gasolineiras do Estado ofrecen un desconto de 20 céntimos por litro para gasolina e gasóleo. Esta medida deu como resultado inmediato unha caída de até seis céntimos de media no caso do gasóleo e de tres para a gasolina nas dúas primeiras semanas que estivo vixente.

Porén, desde entón o prezo non fixo máis que medrar até superar de novo a marca dos 2 euros por litro, que se alcanzara en marzo de forma puntual, antes de que entrasen en vigor os descontos.

Así, esta segunda feira, 9 de maio, o prezo medio da gasolina sen chumbo 98 fica en 2,038 euros/litro na Galiza, mentres o gasóleo A especial supera tamén esta marca, con 2,007. A gasolina encareceuse catro céntimos en só nove días; tamén no caso da sen chumbo 95, que pasou de 1,858 o 1 de maio a 1,893 esta segunda feira.

Mais, en comparanza co pasado 1 de abril, cando entraron en vigor os descontos, o incremento é de arredor de dez céntimos en ambos os casos. No caso do gasóleo a suba desde que comezaron aplicarse os descontos foi de perto de seis céntimos, cuns rexistros esta segunda de 1,914 euros/litro para o gasóleo A normal e de 2,007 para o especial.

O prezo dos combustíbeis disparouse de forma notábel desde o inicio da invasión rusa de Ucraína, o pasado 24 de febreiro. De feito, hoxe encher o depósito segue a ser máis caro que antes da guerra malia o desconto de 20 céntimos por litro. Daquela o prezo da gasolina sen chumbo 95 era de 1,61 euros/litro, e de 1,494 para o gasóleo A, que medrou até 42 céntimos por litro desde entón.

Mais se se comparan os datos actuais cos de hai xusto un ano, o 9 de maio de 2021, o incremento é moito maior: a gasolina sen chumbo 95 valía daquela uns 1,393 euros/litro de media; o gasóleo A, 1,196.

Que pasará co desconto dos carburantes?

A medida ten como data de caducidade o vindeiro 30 de xuño. Desde o Goberno español teñen insistido nas últimas datas na súa intención de prorrogala máis aló; porén, non tería as mesmas condicións.

"Se temos que manter o sistema de apoio aos consumidores de combustíbel de automoción, o xusto e o razoábel é centrar cales son as familias e cales os niveis de renda que merecen máis apoio. Hai que buscar un sistema parecido a unha tarxeta para concentrar o esforzo fiscal e axudar esas familias", precisou nunha entrevista recente a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Aliás, diversos economistas, como o ex ministro Miguel Sebastián, teñen advertido que a medida favorece as rendas máis altas ao non facer distinción ningunha, pois, con base na Enquisa de Orzamentos Familiares do Instituto Nacional de Estaística (INE), un de cada catro litros de carburante (25%) é consumido pola poboación co decil máis alto de renda.

Comentarios