O prezo da luz volve subir até os 262 euros/MWh

O prezo máximo darase entre as 20 e as 21 horas, mentres que o mínimo foi de 3 a 4 horas desta madrugada.
A factura da luz é hoxe 183% máis elevado que hai xusto un ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera A factura da luz é hoxe 79% máis elevada que hai xusto un ano. (Foto: Europa Press)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado grosista volve subir nesta segunda feira 34,6% a respecto do domingo, até os 261,99 euros por megawatt e hora (euros/MWh), segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado grosista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade. Na poxa, o prezo medio da luz neste mercado, o denominado pool, sitúase nesta segunda feira en 193,03 euros/MWh.

A este prezo do pool súmase a compensación de 68,96 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

O prezo máximo rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, con 248,80 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 147,70 euros/MWh, deuse entre as 3 horas e as 4 horas.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da luz no Estado español sería de media duns 298 euros/MWh, o que supón 36 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así 12% menos de media.

Esta medida, que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade dun prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

O prezo da luz desta xornada, porén, é 78,75% máis elevado que o de hai xusto un ano, o 19 de setembro de 2021, cando o megawatt por hora de electricidade se pagaba a 146,57 euros.

Comentarios