A cidadanía galega paga a luz 124% máis cara que a poboación portuguesa

Unha cuestión é o prezo da electricidade nos mercados grosistas e outra o custo da luz para a poboación. Mentres o Estado español rexistra no primeiro dos mercados uns valores inferiores a Francia ou Italia, a tarifa da luz é moi superior para a súa cidadanía. A poboación galega paga a luz máis cara da UE.
Prezo medio da luz para a poboación nos Estados da Unión Europea no primeiro trimestre de 2022 segundo a Comisión Europea. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Prezo medio da luz para a poboación nos Estados da Unión Europea no primeiro trimestre de 2022 segundo a Comisión Europea. (Infografía: Nós Diario)

A fixación do prezo da electricidade no mercado grosista estabelécese mediante o sistema marxinalista, que determina o custo da luz en función da tecnoloxía de xeración máis cara que entra no pool. Neste caso, o Estado español e Portugal partillan o denominado Mercado ibérico da electricidade, polo que os valores da luz neste mercado non presentan diverxencias no espazo peninsular.

Os diferentes Estados da Unión Europea (UE) e a propia Comisión Europea achegan datos diarios sobre o prezo da electricidade no mercado grosista. Esta transparencia contrasta coa ausencia de información puntual sobre a tarifa sufragada polos particulares. Tanto é así, que Eurostat, a oficina estatística da UE, só fornece datos sobre a mesma cada seis meses e a Comisión Europea cada tres, polo que as últimas cifras oficiais sobre o prezo da tarifa para o conxunto da zona euro correspóndense co primeiro trimestre de 2022.

A Comisión Europea sinala que no primeiro trimestre do ano o prezo medio da electricidade no mercado grosista estivo liderado por Italia, con 248,8 euros megawatt. A continuación situáronse Grecia, con 237,8 euros/MWh; Eslovenia, con 231,9 euros/MWh;  Croacia, con 231,8 euros/MWh; Francia, con 230,4 euros/MWh; Portugal, con 228,6 euros/MWh, e o Estado español, con 228,4 euros/MWh. Os postos de cola ocupáronos Suecia, con 63,8 euros/MWh, e Finlandia, con 91, 4 euros/MWh.

A poboación do Estado español pagou a tarifa eléctrica máis cara entre xaneiro e marzo de 2022. Segundo a Comisión Europea, o prezo da electricidade para estes usuarios  foi de 511 euros/MWh, seguidos da poboación danesa, con 452 euros/MWh; da italiana, con 420 euros/MWh; da belgas, con 419 euros/MWh; e da alemá, con 380 euros/MWh. A tarifa máis reducida da Unión Europea pagouna a poboación húngara, con 10 euros/MWh; a búlgara, con 109 euros/MWh; e a eslovaca, con 119 euros/MWh.

O prezo da electricidade no mercado grosista francés foi superior ao do mercado ibérico, tras rexistrar 230,4 euros/MWh. Porén, a cidadanía gala pagou a tarifa da luz a 214 euros o megawatt, isto é, 138,7% menos que a poboación do Estado español. Neste caso, o carácter público do primeiro operador enerxético de Francia, EDF, explica as importantes baixas para os usuarios e, tamén, para as empresas.

A variación do factor enerxético na inflación dos Estados da UE permite achegarse á alza da tarifa. Así, Eurostat sinala que entre xaneiro de 2021 e xullo de 2022, incrementouse en 27,2% no Estado español, en 24,4% en Italia, en 17,4% en Alemaña, en 16% en Francia e en 12,9% en Portugal. A diferenza na factura da luz entre o Estado español e o portugués pode resultar estraña, unha vez que ambos os Estados partillan mercado grosista. Porén, as similitudes entre a realidade eléctrica duns e doutros remata na coincidencia do prezo medio da electricidade no mercado grosista.

O custo da luz para os consumidores en Portugal foi no primeiro trimestre de ano de 228 euros/MWh, isto é 124,12% por baixo da factura eléctrica da poboación do Estado español. Neste sentido, a diferencia no prezo debe buscarse no mecanismo de translación dos custos ao consumidor, que no caso portugués non se realiza de forma automática.

ERSE

As tarifas regulas en Portugal veñen fixadas anualmente pola Entidade Reguladora de Servizos Enerxéticos (ERSE), podendo este organismo público actualizar os prezos de modo trimestral. Pola súa parte, no Estado español as facturas están ligadas directamente ao comportamento horario do mercado, trasladando día a día os incrementos aos consumidores. A este respecto, o  procedemento estatal é un caso único na UE.

A ERSE é o inimigo público das empresas enerxéticas en Portugal, até o punto de ser acusada de xerar “competencia desleal polas tarifas fixadas”, porque na opinión destas, “os prezos regulados non poden ser máis competitivos que os custos do mercado libre”. Porén, a denuncia formulada pola gran patronal eléctrica lusa contra ERSE diante das autoridades comunitarias da competencia foi rexeitada.

A outra 'excepción ibérica'

Nos últimos meses tense falado moito da denominada “excepción ibérica”, isto é a proposta do Estado español e Portugal para fixar un tope ao prezo do gas co obxectivo de amortiguar a suba dos prezos no mercado grosista. Porén, a excepción ibérica máis importante está no prezo da tarifa.

Comentarios