O prezo da luz dispárase e marca un novo récord desde a 'excepción ibérica'

O prezo medio da luz será hoxe de 459,4 euros/MWh, o que supón un incremento de 269% a respecto de hai xusto un ano, cando se vendía a uns 124,45 euros/MWh.
O prezo medio da luz esta segunda feira é de 315,14 euros/MWh. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo máis baixo darase entre as 17 e as 18 horas desta terza feira; o máis alto, de 22 a 23 horas. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado maiorista sobe nesta terza feira 8,51% a respecto desta segunda, até os 459,4 euros por megawatt e hora (euros/MWh), tocando así un novo máximo desde que entrou en vigor a 'excepción ibérica', segundo datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Deste modo, a electricidade é hoxe 269% máis cara que o 30 de agosto de 2021, hai xusto un ano, cando o prezo medio era de 124,45 euros/MWh.

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade. Desta maneira, o prezo volve subir con forza e supera o anterior máximo desde a entrada en vigor da 'excepción ibérica' que marcou na pasada cuarta feira, cando escalou até os 436,25 euros/MWh.

Na poxa, o prezo medio da luz neste mercado, o denominado pool, situouse para esta terza en 201,96 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 22 e as 23 horas, con 237 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 160 euros/MWh, darase entre as 17 horas e as 18 horas.

A este prezo do pool súmase a compensación de 257,44 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

Esta espiral de prezos altos da luz que se deu ao longo da última semana estivo impulsada por un prezo do gas natural en niveis máximos, debido, principalmente, ao anuncio de Gazprom de cortar a partir do 31 de agosto e durante tres días o bombeo de gas a Alemaña. No entanto, os contratos a futuro do gas no mercado TTF holandés caían neste arranque de semana máis de 17%, ficando por baixo dos 280 euros/MWh os contratos a setembro.

11,9% menos

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da electricidade no Estado español sería duns 521,3 euros/MWh, o que supón uns 61,9 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así 11,9% menos de media.

Os prezos do mercado eléctrico para esta terza feira no resto de países europeos tamén marcará uns niveis especialmente altos. Así, no caso de Francia sitúase por riba dos 740 euros/MWh, mentres que en Alemaña será de máis de 660 euros/MWh e en Bélxica e Países Baixos de 622 e 607 euros/MWh, respectivamente.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros/MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade dun prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais e, posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

O Goberno estima que a 'excepción ibérica' supuxo un aforro de 1.383 millóns de euros nos seus dous primeiros meses de vixencia. Esta cifra representa un aforro de 22 millóns de euros diarios para a sociedade desde a entrada en vigor do mecanismo.

Comentarios