O presidente de Gadisa reivindica o papel dos supermercados rexionais no mercado estatal

Tojeiro sinalou durante o seu relatorio en Santiago de Compostela que "os lideres rexionais operan nun formato supermercado que achega unhas vantaxes especiais".
O presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro. (Foto: Roger Castellón)
photo_camera O presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro. (Foto: Roger Castellón)

O presidente e conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro, destacou esta terza feira, durante a súa intervención no 37º Congreso Aecoc de Gran Consumo, o papel dos grupos rexionais familiares na distribución española, como aliados das marcas de fabricante e actores que contribúen á competitividade.

Tojeiro sinalou durante o seu relatorio en Santiago de Compostela que "os lideres rexionais operan nun formato supermercado que achega unhas vantaxes especiais". Neste sentido, subliñou a dimensión social da distribución, o fomento do consumo local e un modelo que promove a compra a pé, o que contribúe de forma positiva ao medioambiente.

Así mesmo, o presidente de Gadisa explicou que o Estado español é "un dos mercados con maior grao de competencia na distribución en Europa" e que isto "permite que os consumidores teñan un prezo de venda menor". Ademais, insistiu en que desde Gadisa "fraguaron un modelo de retail que é mellor para toda a canle".

O conselleiro delegado do grupo sinalou a importancia de realizar "máis esforzos en competitividade, innovación e en diferenciación da marca". Tamén puntualizou que "o volume non significa unha vantaxe competitiva, senón que o importante é a tendencia".

O futuro do comercio europeo

Por outra parte, durante o congreso presentouse o estudo Transformando o sector retallista e almacenista da UE, que sinala que os comerciantes retallistas e almacenistas da Unión Europea "deberán investir até 600.000 millóns de euros en 2030 para poder garantir o futuro do sector".

O presidente de Eurocommerce, Juan Manuel Morais, explicou que "os comerciantes da Unión Europea só invisten 3,6% dos seus ingresos, fronte a 6,7% das compañías norteamericanas". Ademais, engadiu que "na crise actual, o retail debe ser recoñecido como un sector que presta un servizo esencial aos cidadáns, que xera emprego e que achega 8% do PIB europeo".

Comentarios