Gadisa Retail realizou compras a produtores locais por valor de 390 millóns en 2021

Gadisa Retail realizou compras por valor de 390 millóns de euros a 1.022 produtores locais ao longo do ano 2021, segundo informa a compañía galega.

Hipermercado de Ribeira (Gadis).
photo_camera Hipermercado de Ribeira (Gadis).

A través dun comunicado, sinala que a empresa "contribúe a fortalecer o tecido produtivo das comunidades nas que está presente, a xerar emprego de calidade e a promover unha alimentación saudábel entre os seus clientes, potenciando as seccións de produto fresco en todos os seus puntos de venda".

Gadisa Retail salienta que incorpora os seus produtos aos máis de 450 puntos de venda das diferentes liñas de negocio da compañía, á vez que aposta pola capacidade de innovación en sectores produtivos claves para a economía da Galiza: pesqueiro, lácteo, agrícola e gandeiro.

Paralelamente, Gadisa Retail realiza dous novos proxectos. Por unha parte, a construción dunha nave no porto da Coruña para a compra e xestión de peixes e mariscos, co obxectivo de potenciar as seccións de peixaría. O investimento supera os 4,9 millóns de euros.

Por outra parte, a ampliación da plataforma na súa sede central de Betanzos. Desde este centro loxístico do polígono de Piadela xestiónanse produtos de alimentación, tanto a temperatura ambiente como refrixerada. Contará cunha superficie de 24.400 m2 repartida en dúas plantas. Gadisa retail dispón, ademais, dunha plataforma loxística en Medina del Campo, que dá servizo aos supermercados de Castela e León.

Comentarios