Gadisa facturou en 2021 máis de 1.300 millóns de euros

A compañía emprega unhas 8.000 persoas.
Transporte da compañía Gadis. (Foto: Gadisa)
photo_camera A compañía botou man o pasado ano de até 1.022 provedores locais. (Foto: Gadisa)

A compañía líder do sector da distribución na Galiza, Gadisa Retail, logrou unha cifra de negocio de 1.345 millóns de euros en 2021, "grazas á confianza de máis dun millón de clientes e ao compromiso do seu equipo humano, que superou os 8.000 profesionais", informa.

Estes son uns resultados, sinala a compañía, "cos que logra manter o volume de vendas rexistrado no exercicio anterior, marcado pola excepcional situación derivada da pandemia, e que confirman o seu liderado cunha cota superior a 20%, segundo a empresa de medición e análise de datos A.C. Nielsen", apunta sobre estes resultados económicos.

Aliás, explica que destinou 26,54 millóns de euros a investimentos, principalmente a innovación, a mellorar a experiencia de compra, e á ampliación e modernización da rede de estabelecementos, "priorizando a sustentabilidade e comodidade dos clientes".

Gadisa investiu nunha nova nave na Coruña para a compra e xestión de peixes e mariscos

2021 foi, ademais, o exercicio no que anunciou un investimento de máis de 4,9 millóns de euros nunha nova nave no porto da Coruña para a compra e xestión de peixes e mariscos, co obxectivo de potenciar as seccións de peixaría nos seus puntos de venda.

O crecemento de Gadisa "significou tamén un incremento das súas achegas para o sostemento do gasto público", asegurou a empresa, cun volume de 134,44 millóns de euros, dos que perto de 87 millóns se corresponden con impostos e tributos e uns 47,5 con cotizacións sociais.

Máis de 1.000 provedores locais

De forma paralela, incide no seu compromiso coa "xeración de riqueza na contorna". "100% local, galega e sostíbel, o compromiso de Gadisa Retail coa contorna é firme, e destinou 390 millóns de euros en 2021 a compras a 1.022 provedores locais para a dinamización do tecido socioeconómico".

Comentarios