A superficie de cultivos para alimentación humana na Galiza representa só 3,9%

Un seminario na Coruña analiza os retos que ten Galiza á hora de artellar unha economía baseada na proximidade.
Os sindicatos piden ao Executivo galego un plan para mobilizar terras abandonadas e mesmo reconverter áreas de produción (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A falla de superficie agraria útil penaliza a produción de alimentos na Galiza, insuficientes para cubrir a demanda actual (Foto: Xunta da Galiza).

Onte clausurouse na Coruña o primeiro seminario de economía de proximidade, que acolleu durante dous días numerosas persoas expertas que analizaron, entre outras cuestións, os retos que ten a Galiza por diante nesta materia. 

O lugar de realización do seminario foi a sede galega da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), na Fundación Luis Seoane. Alí reuníronse na primeira xornada o profesor da Universidade de París e presidente da European Regional Science Association (ERSA), André Torre; o comisionado do Concello de Barcelona para a política alimentaria e a economía social, Álvaro Porro; a profesora da Universidade da Coruña (UDC) Matilde Massó, ou o economista e director do seminario Marcelino Fernández Mallo, entre outros. 

Foi este último quen, na súa intervención, abordou a realidade da Galiza e as posibilidades que a economía de proximidade ofrece fronte a grandes desafíos como o cambio climático ou os conflitos territoriais.

Segundo destacou Mallo, a Galiza atópase "nunha situación híbrida" no sector alimentario, pois presenta unha "posición sólida" nos produtos de orixe animal, mais unha "debilidade alarmante" nos de orixe vexetal. 

Neste senso, evidenciou que, mentres no Estado español a superficie dedicada a cultivos vinculados á alimentación humana ocupa 25,5% do territorio, na Galiza esa porcentaxe queda nun "minúsculo" 3,9%, ou que a superficie agraria útil sexa 24%, por 48% da media estatal. 

Ante esta realidade, o economista avoga por artellar "unha estratexia integral que mobilice a terra, promova os cultivos agrarios nos que o país amosa una extrema deficiencia e proxecte novas iniciativas na industria alimentaria". 

Sinais de alerta 

Segundo advertiu Fernández Mallo, existen moitos factores externos como o risco vírico, o cambio climático ou os conflitos territoriais que están a provocar unha ruptura na cadea de abastecementos e a falla de subministración de produtos importantes que deben ser vistas como sinais de alerta sobre "escenarios futuros" nos que a Galiza parte, segundo relata,  cun déficit en bens de primeira necesidade.

Mais as vantaxes da economía de proximidade non se limitan ao abastecemento de bens, senón que pode axudar a reducir as emisións de CO2 e contribuír ao desenvolvemento local. 

Así, en materia enerxética, Mallo aposta por "pequenas unidades de xeración descentralizada" por medio de paneis solares ou sistemas de produción comunitaria, fronte a "grandes instalacións hostís co medio ambiente".

Nesta liña, Fernández Mallo urxe as Administracións "a tomar cartas no asunto" para reverter esta realidade e preparar o país ante as ameazas que poidan pór en risco a súa soberanía en diferentes eidos. Como recoñeceu nunhas recentes declaracións a este medio, "na Galiza fanse cousas. Están os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), a Asociación Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e o centro agrario de Mabegondo (Abegondo), pero isto non é suficiente", advirte o economista.

Comentarios