O plan de resposta á guerra prevé 430 millóns para agricultores, gandeiros e pescadores

A suba dos combustíbeis, o encarecemento das materias primas e a folga do transporte agravou a situación dos sectores primarios, que viñan reclamando medidas urxentes.
Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).
photo_camera Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).

O Goberno destinará 430 millóns de euros aos sectores da agricultura, gandería e pesqueiro dentro do seu 'Plan de Resposta' ao impacto da guerra en Ucraína que aprobará mañá o Consello de Ministros cun custo total de 16.000 millóns de euros.

Así o anunciou o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, durante o encontro 'Xeración de Oportunidades', un foro de Europa Press en colaboración con McKinsey & Company.

O plan contará cun paquete de axudas de 362 millóns de euros para o sector da agricultura e a gandería e outro duns 68 millóns para o pesqueiro.

Mobiliciación do medio rural

A mobilización destas axudas prodúcese após a mobilización do rural, que nos últimos días reclamou en distintos escenarios medidas urxentes, afectado pola guerra en Ucraína e a folga de transportes, mais polo aumento xeneralizado dos custos derivado da alza das materias primas.

Nesa cita, o mundo rural solicitou "respecto e apoio", á vez que reclamou ao Goberno intervir ou corrixir o prezo da enerxía ademais dun plan de choque "urxente e contundente" para que sexa posíbel a viabilidade das explotacións e a flexibilización na Política Agrícola Común (PAC).

Para o sector pesqueiro, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, xa avanzou a semana pasada a intención do Goberno de articular unha serie de medidas para paliar o incremento de prezos do gasóleo que estarán incluídas no 'Plan de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína'.

"O Goberno incluirá un apoio para limitar o alcance dos incrementos de prezos en relación do gasóleo sobre as contas de explotación", asegurou Planas, quen resaltou que a "intención é a de limitar ao máximo o impacto do custo do gasóleo".


Hai unha semana, en Bruxelas, logrouse tamén a activación do Fondo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) que habilita a posibilidade de axudas ao sector, que terán efecto retroactivo a partir do 24 de febreiro.

Comentarios