O prezo do gasóleo mariño encareceuse arredor de 130% desde comezos de ano

Os combustíbeis representan 60% dos custos de explotación das embarcacións.

Celeiro é un dos portos galegos máis expostos ao Reino Unido. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Celeiro é un dos portos galegos máis expostos ao Reino Unido (Foto: Nós Diario).

O sector pesqueiro debate parar a súa actividade na Galiza de forma indefinida a partir de 21 de marzo. Mentres mariñeiros e asociacións de armadores discuten a decisión a adoptar, o prezo do gasóleo das embarcacións sitúase en niveis históricos. Ao tempo, o paro do transporte impide realizar poxas nas lonxas galegas, onde se acumulan centos de toneladas de peixe.

O gasóleo mariño incrementou o seu prezo desde comezos de ano en aproximadamente 130%. Malia as diferenzas do seu custo nos distintos portos galegos, todas as fontes do sector consultadas por Nós Diario coinciden en sinalar que o seu aumento non é sostíbel para as embarcacións. Así, Andrés García, voceiro da Asociación do Cerco da Galiza (Acerga) sinala a este xornal que “ a principios de xaneiro o gasóleo andaba a 0,39 euros o litro e nestes días chegou a marcar 1,17 euros o litro".

A suba do gasóleo

“O gasóleo pasou de representar entre 35% e 40% dos custos de explotación a sumar na actualidade 60%”, continúa García, quen en plena campaña da xarda e da anchoa nos caladoiros do Mar Cantábrico considera que “así non se pode seguir”. “Fai falla que o Goberno adopte medidas xa”, asegura o voceiro de Acerga, indicando que “Francia limitou o prezo do litro de gasóleo a 0,60 euros. Isto quere dicir que con vontade política hai posibilidades de tomar medidas que melloren a situación”. Asemade, lembra que “o prezo tamén é máis barato en Portugal, con case 20 céntimos de diferenza coa Galiza”.

O responsábel da frota de Porto de Celeiro, Jesús Lourido, explica a Nós Diario que "o gasóleo das embarcacións tense incrementado en 58,8% entre 1 e 9 de marzo, pasando de 0,73 euros o litro a 1,16 euros, porén desde o día 10 vénse reducindo o seu custo, marcando onte 0,83 euros en Celeiro, Viveiro”. “Aínda así”, afirma Lourido, “o seu prezo está disparado” e recoñece que “non é posíbel” trasladar ao consumidor final "o incremento dos custos das embarcacións". Na liña doutros voceiros do sector demanda das Administracións “alternativas urxentes para un sector que non pode aguantar máis”.

O impacto por artes de pesca

"Un barco do pincho, que non é dos que máis combustíbel consume, precisa 20.000 euros de gasóleo para saír ao mar, o que significa practicamente un terzo da súa facturación total polo que traballar nesta situación non compensa", destaca Lourido, pondo no foco a situación de embarcacións como os arrastreiros. "Un arrastreiro consume arredor de 2.000 litros de gasóleo diarios e non acostuma partir do porto con menos de 50.000 litros de combustíbel", continúa Lourido, que significa que "as contas son doadas de facer: Mentres a pescada en lonxa véndese a unha media de tres euros por quilogramo, o litro de gasóleo está en 1,16 euros.

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, crítica en declaracións a Nós Diario que “aquí o Goberno do Estado non se digna a reunirse con nós, mentres en Francia, Italia ou Islandia xa están enriba da mesa solucións para paliar a suba dos custos do carburante”.

Unha situación límite para o sector da pesca

As persoas consultadas por Nós Diario coinciden en sinalar que o complexo pesqueiro galego atópase nunha situación límite. Neste sentido, José Antonio Pérez lembra que “non estamos indo ao mar e iso pon en risco a continuidade en certos mercados”, polo que reclama “rebaixar os impostos para baixar os prezos dos carburantes” e conseguir “uns prezos asumíbeis que non nos obrigue a saír ao mar a perdas”.

Nunha dirección semellante Andrés García aposta pola “aplicación de axudas directas ao sector, como xa están facendo outros Estados”, a “exoneración das cotas da Seguridade Social”  e “sobre todo pór xa enriba da mesa solucións porque non podemos agardar a 29 de marzo”, data para que o Goberno estatal anunciou rebaixas nos prezos. Jesús Lourido reclama “solucións xa porque non temos tempo”.

Comentarios