O sector do transporte afronta unha nova semana de protestas con división de opinións sobre o paro

Transportistas da Coruña e Lugo avogan por manter o paro, mentres outros profesionais do sector cren que irá "perdendo forza".
Protesta dos transportistas en Ferrol, esta cuarta feira (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).
photo_camera Protesta dos transportistas en Ferrol, a pasada cuarta feira. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

Transportistas de Lugo decidiron manter o paro que arrincou o 14 de marzo polo de agora, aínda que sen accións concretas previstas, que anunciarán a partir desta segunda feira, á espera de novos pasos que poidan dar tanto o Goberno do Estado como a plataforma convocante no ámbito estatal.

Así o confirmou este domingo, o presidente da asociación Aetram en Lugo, Diego Arias, que explicou que a decisión se someteu a votación en asemblea.

Súmanse así aos transportistas da Coruña, que tomaron a mesma decisión este sábado tras a celebración dunha asemblea da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (Ascentra), na que, segundo explicou o seu presidente, Antonio Señarís, participaron a metade dos socios. Dos participantes, "80%" apoiaron manter o paro e o resto retomarán o traballo "baixo a súa responsabilidade".

Aínda que supeditan a súa decisión aos pasos que dea a plataforma convocante, o presidente de Ascentra trasladou que valorarían volver á estrada se as cuestións que o Goberno puxo sobre a mesa son "de inmediato cumprimento".

No conxunto da Galiza hai división de posturas e os socios das diferentes asociacións debaten, mentres entre algúns condutores autónomos do sector circula a idea de que o paro podería "ir perdendo forza".

Así, os membros de Apetamcor, a principal asociación que apoia o paro no país, someteron a decisión ao voto dos seus socios nas distintas provincias, pero está pendente de transcender de forma oficial que farán finalmente.

Plataforma estatal

A nivel estatal, a Plataforma Nacional en Defensa dos Transportes asegurou que continuarán "cos camións parados" até que a Administración dea resposta ás demandas do sector.

"Tal e como está a situación non temos máis remedio que continuar parados", sinalou este domingo o presidente da plataforma, Manuel Hernández, nunha entrevista en TVE, após reunirse con varios transportistas.

En referencia á reunión mantida esta sexta feira coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, asegurou que "non se tivo ningún tipo de avance" xa que, ao seu xuízo, "todo baséase en promesas".

Comentarios