As pensións de 2021 endurecen o seu acceso aos 66 anos pola reforma de 2013

Os aspectos máis duros da reforma das pensións que se realizou en 2013 chegarán este 2021 co aumento da idade de xubilación e do período cotizado para ter acceso a este dereito. Os sindicatos ollan con preocupación esta situación. Desde a CIG apuntan a unha "privatización" do sistema público e en CCOO falan de "falta de interlocución" co Ministerio.
Pensionistas paseando (Ministerio)
photo_camera Pensionistas paseando (Foto: Ministerio)

A idade de xubilación a partir de xaneiro de 2021 pasará a ser de 66 anos en vez dos 65 actuais. É unha das consecuencias que ten a actual vixencia da reforma das pensións realizada en 2013 e que o actual Goberno español non derrogou como solicitaban os sindicatos. Desde o ano vindeiro a única posibilidade de cobrar unha pensión pública con 65 anos será se se superan os 37 anos e tres meses de cotización.

A cotización mínima para as pensións contributivas continuará a ser de, polo menos, 15 anos, dous deles dentro dos 15 anos anteriores á xubilación. Tamén aumentará o intervalo de tempo para calcular as pensións que pasará dos 23 anos de agora aos 24 anos. 

Críticas das organizacións sindicais

As organizacións sindicais seguen a ser críticas co mantemento das reformas laborais que se realizaron nos anos 2011 e 1013. Desde a CIG lembran que "as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado español" e os datos apuntan a que máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706 euros

"As medidas seguen sendo lesivas, unha vez que non queren derrogar esas reformas", afirma a Nós Diario Susana Méndez, secretaria de organización da central nacionalista. Esta sindicalista asegura que "desde o Pacto de Toledo téntase maquillar unha medida nefasta como é a privatización do sistema de pensións a través de eufemismos como o de falar de sistemas complementarios" e ao mesmo tempo faise unha separación de fontes de financiamento, un artificio contábel que non soluciona realmente o problema de ingresos que ten o sistema público de pensións.

Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, cre que hai percorrido aínda, mais a cuestión é "conseguir que o acordo do Pacto de Toledo pase á mesa de diálogo para acabar sendo unha norma que derrogue a reforma de 2013". Indica que "non hai que actuar sobre o gasto, senón sobre os ingresos". En todo caso, sinala que a razón de chegar até 2021 "coas tarefas sen facer" por parte do Goberno español foi como consecuencia da falta de acordo en comisión parlamentaria en Madrid.

"Agora xa non hai excusas", indica a Nós Diario. Ademais asegura que non hai "o mesmo nivel de interlocución no Ministerio de Traballo que no doutros departamentos da Administarción española", en referencia ao Ministerio de Seguridade Social.

Pensións non complementarias

As pensións non complementarias son outra cuestión de debate. Para 2021 as relativas á orfandade contarán cun importe mínimo próximo ano aos 210,8 euros mensuais por persoa beneficiaria (agora son 208,9 euros), mentres que se a beneficiaria ten menos de 18 anos e conta cunha discapacidade superior ou igual a 65% a contía será de 414,7 euros mensuais, perto de catro euros máis que en 2020.

En relación á pensión mínima para familiares, estará en 2021 tamén en 210,8 euros mensuais, fronte aos 208,9 euros actuais, mentres que a pensión do extinguido Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI) será de 441,7 euros mensuais no caso de vellez, invalidez e viuvez (437,7 euros agora) e, se concorren con algunha pensión pública de viuvez, ascenderá a 428,7 euros ao mes (424,8 euros na actualidade).

Desde as organizacións sindicais a cuestión primordial é a súa dependencia económica. Desde a CIG, sinalan que "non estamos de acordo con que pasen a depender dos orzamentos do Estado". A razón é que semelle "que se queiran levar a que sexan pensións de beneficiencia" polo que deben ser prestacións contributivas. Neste caso tamén demanda que haxa unha contía mínima equivalente ao 60% do Salario Medio Interprofesional (SMI).

Polo seu lado, desde CCOO insisten en que se deben financiar con impostos.

Comentarios