A patronal prepara novas eleccións para xaneiro

A ou o futuro presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) terá a opción de designar a unha persoa da súa confianza para a secretaría xeral. Así o decidiu hoxe a directiva, que aprobou unha votación electoral en formato mixto (telemático e presencial). Haberá que agardar até o próximo mes para ver se a entidade logra unha situación estábel.

O xa ex presidente José Manuel Díaz Barreiros. (Foto: Europa Press)
photo_camera O xa ex presidente José Manuel Díaz Barreiros. (Foto: Europa Press)

A Confederación de Empresario da Galiza (CEG) suma un novo capítulo cara a unha desexada normalidade despois de varios anos cunha situación de completa inestabilidade polo enfrontamento entre diferentes grupos con representación na patronal.

Despois de que elixido como último presidente, José Manuel Díaz Barreiros, (cuxa candidatura fixo que retirara da carreira outro competidor) dimitise aos dous días de ser nomeado, a institución xa prepara unha nova convocatoria electoral para xaneiro.

A xunta directiva CEG anunciou hoxe que a persoa que resulte gañadora poderá designar á ou ao secretario xeral para ter alguén de confianza co que poder traballar.

Por iso José Antonio Neira Cortés retoma o cargo nas relacións laborais e a asesoría xurídica. No entanto, está por ver cantas opcións de voto teñen as e os empresarios. Polo de agora, van catro convocatorias en ano e medio e dúas quedaron desertas.

Até a última cita coas urnas o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, mantiña o papel de voceiro por ser o de maior idade e nin tan sequera transcendeu se o contrincante de Díaz Barreiros, Pedro Rey concorrerá.

O que volveu quedar claro nestes meses e últimas semanas é que na patronal hai sensibilidades moi diferentes e que será complexo acadar un equilibrio para que todas as partes estean satisfeitas.

Esta sexta feira tamén se acordou a data definitiva das eleccións, que será o 21 de xaneiro, e se aprobou que o proceso sexa de formato mixto. É dicir, poderán chegar votos vía telemática e tamén elixir representante de forma presencial. Este sistema non acabou de convencer na anterior convocatoria porque a última hora retirouse a opción de Rey, cando xa foran enviados numerosos votos.

Comentarios