Renuncia o presidente da CEG tan só dous días após ser electo

Barreiros chegou ao posto por aclamación despois de que o seu competidor retirara a candidatura para a asemblea electoral da patronal.
José Manuel Díaz Barreiros renunciou ao posto. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Manuel Díaz Barreiros renunciou ao posto. (Foto: Europa Press)

O presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), José Manuel Díaz Barreiros, presentou a súa renuncia despois das "dúbidas manifestadas por asociados" que "poñen en dúbida a legalidade" das eleccións decorridas a pasada terza feira, día 24 de novembro.

En concreto, os asociados que se dirixiron á Secretaría da CEG "pondo en dúbida a súa correcta realización" son a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado de Galicia (Cece) e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).

Díaz Barreiros accedeu á Presidencia após renunciar á súa candidatura o aspirante Pedro Rey Vera cinco minutos antes de iniciar a asemblea xeral electoral de forma presencial, pero unha vez que fechara xa a parte telemática e varios vogais emitisen o seu voto.

Díaz Barreiros considera que o proceso electoral foi "democrático en todo momento" e que decorreu "baixo as directrices da CEG". Na asemblea presencial , afirma nun comunicado a patronal, "tomouse o acordo por unanimidade dos presentes -que contabilizaban xunto cos representados 116- de non votar e de elixir por aclamación unánime como presidente electo o único candidato, José Manuel Díaz Barreiros".

División interna

Desde xaneiro de 2018, a CEG careceu de presidente. O anterior foi Antón Arias. Desde a súa renuncia, intentaron convocar eleccións até en dúas ocasións, pero a falta de candidatos e o feito de non ter aínda aprobadas as contas do exercicio 2018 fixeron que non se chegase nin tan sequera a votar. A pandemia obrigou pospor os comicios que querían organizar o 30 de abril deste ano.

En xaneiro, a CEG convocou unha xunta directiva para sacar adiante as contas, pero non se puideron debater xa que a CEP e as organizacións sectoriais consideraron que non tiñan información suficiente para sacalas adiante.

Seis meses antes, en xuño, tanto a CEP como as sectoriais, entre elas outra vez Asime e Cece, ameazaron con saír da patronal se nos se convocaba a comisión económica para tratar nela os gastos adoptados pola institución en 2019, así como a ausencia de orzamentos.

Comentarios