xoves 28/01/21

As leas na patronal levan as empresas da Galiza a ficaren sen representación

O que parecía o primeiro paso para sentar as bases dunha patronal cohesionada voou polo aire coa dimisión en pouco máis de 48 do presidente da CEG. O proceso electoral é o novo campo de batalla interno dunha organización chamada a liderar o empresariado e que vai camiño dos tres anos sen presidente.
Diaz Barreiros, no centro, xunto aos vicepresidentes, que serán os que asuman novamente a Dirección da patronal (Foto: Arxina)
Diaz Barreiros, no centro, xunto aos vicepresidentes, que serán os que asuman novamente a Dirección da patronal (Foto: Arxina)

Hoxe Galiza amenceu un día máis sen unha persoa que represente no país os intereses do mundo empresarial desde a propia patronal. Pouco máis de 48 horas despois de ser elixido presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), o ourensán José Manuel Díaz Barreiros anunciaba para sorpresa de moitas persoas a súa renuncia a liderar a CEG. O motivo, as dúbidas de varios asociados sobre a legalidade do proceso electoral.

Díaz Barreiros accedera á Presidencia após a renuncia, momentos antes do comezo da Asemblea Xeral Electoral do pasado 24 de novembro, do outro aspirante, Pedro Rey, apoiado polo empresariado de Pontevedra, o mesmo que esta mesma semana remitía varios escritos á CEG solicitando información do proceso. Eses escritos estaban asinados polos vocais representantes de Asime, Enrique Mallón; de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire; da patronal dos centros de ensino privado (CECE), Antonio Diéter Moure, e pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) o seu presidente Jorge Cebreiros.

O xermolo das disputas

Algúns destes nomes están detrás dos últimos episodios dun relato de disputas que comezou na presidencia do empresario pontevedrés José Manuel Fernández Alvariño, con el e o seu antecesor, Antonio Fontenla, presidente dos empresarios da Coruña, como protagonistas. Unha lea que acabou coa saída de Fernández Alvariño e cunha fonda división entre norte e sur

Tomou o relevo Diéter Moure en 2016, que gañou as eleccións por unha marxe moi axustada a José Manuel Pérez Canal, ex presidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) da que o agora presidente saínte, Díaz Barreiros, era vicepresidente. 

Estivo no cargo pouco máis de dez meses. Renunciou tras perder o apoio das provinciais ─só contaba co das sectoriais─. Sucedeuno Antón Arias, até entón vicepresidente da patronal coruñesa. Na votación (100 apoios e 64 votos en contra) quedou de manifesto a forte división existente entre as patronais da Coruña e Lugo coas de Pontevedra e Ourense.

A súa designación como candidato a última hora fora interpretada por estas como unha traizón, xa que a idea inicial era buscar un candidato de consenso. Cando faltaban dous días para cumprir un ano no cargo, Arias, partidario de subir salarios e contrario á reforma laboral, presentou a súa dimisión. Era xaneiro de 2018.

Horizonte despexado

Desde entón e até o pasado 24 de novembro, a patronal permaneceu sen presidente. Antonio Fontenla, como vicepresidente de maior idade, exerceu como portavoz. Mais as leas seguiron, e mesmo Pontevedra anunciou a súa saída da institución

O proceso electoral era o momento de pacificar a situación. O día 17 presentáronse dous candidatos, Rey e Díaz Barreiros, máis no último momento só quedou a candidatura do segundo, que foi elixido presidente por aclamación.

No seu discurso de investidura, Díaz Barreiros fixou como principal obxectivo levar a paz á patronal. Tiña o camiño despexado, xa que o seu rival, Pedro Rey, brindáralle explicitamente o seu apoio, posto que os programas de ambos os dous eran bastante coincidentes. Ademais, semanas antes, a institución lograra sacar adiante as contas de 2018 e 2019, co cal non tiña rémoras para levar a cabo o seu proxecto. Porén, non contaba con que a súa designación se puxese en dúbida. Por ese motivo, e para "protexer a boa imaxe da institución, que está por encima dos asociados", presentou a súa renuncia.

E volven as leas

O comunicado de renuncia desta quinta feira non sentou nada ben ás persoas sinaladas, que afirmaron que "en ningún momento" puxeron en cuestión a elección ou nomeamento de Díaz Barreiros "e si a necesidade do lóxico e obrigado escrutinio de votos xa emitidos" telematicamente para, segundo din, "achegar cordura e coherencia a un proceso de votación paralizado sorpresivamente e viciado totalmente".

Segundo argumentan, a elección por aclamación que defenden "é xurídica e legalmente imposíbel" dado que 47 vogais da asemblea xa votaran telematicamente. Mallón, Diéter e José Antonio Vázquez Freire cualifican este proceder de "auténtica chapuza electoral", ao tempo que consideran que "non se dimite por solicitar uns vogais o reconto lexítimo dos votos, algo que aínda en calquera república bananeira sería posíbel, senón que seguramente se dimite porque hai temor a que calquera vogal impugne un proceso de votación que eles viciaron".

Consideran que "chegou o momento" no que representantes empresariais "que levan demasiado tempo manipulando" e que empezan a mostrar "actitudes máis similares a réximes ditatoriais" se retiren  da vida pública e asociativa para tentar erradicar "actuacións absolutamente deplorábeis e dar paso a savia nova". "Ninguén os botará en falta", conclúen.

comentarios