A patronal conxura unha 'cruzada' contra as sentenzas que tombaron eólicos autorizados pola Xunta

A patronal eólica española é a última en sumarse ás críticas e en cuestionar as resolucións contra proxectos de Greenalia emitidas por xuíces do TSXG. Considera a paralización de parques como Bustelo e Campelo unha serie de "problemas estruturais" que, asegura, "están condicionados por estratexias de colectivos anti-eólicos que se basean en xustificacións sen rigor técnico, mais cun forte compoñente ideolóxico e político". Tanto o alto tribunal galego como a asociación Xuíces pola Democracia pediron "respecto á independencia xudicial" ante os "ataques" da patronal galega, a Asociación Eólica da Galiza ou as propias Greenalia e a Xunta da Galiza.
Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)
photo_camera Parque eólico operativo na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)

Primeiro foi a propia Xunta da Galiza; despois, Greenalia, e acto seguido comezaron tamén a pronunciarse contra as últimas sentenzas do TSXG que tombaron dous parques eólicos da enerxética coruñesa a patronal do sector, a representación do empresariado galego ou a da construción. A comezos do pasado mes de xuño chegou o primeiro gran golpe xudicial á carteira de proxectos de Greenalia coa anulación das licenzas outorgadas polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo ao parque denominado Campelo, un dos tres que, canda Bustelo e Monte Toural, conformarían un "macroproxecto" eólico entre Carballo, Coristanco e Santa Comba. "A Xunta está a actuar conforme á normativa", defendera, logo de ter coñecemento desta resolución, o agora ex vicepresidente e ex conselleiro de Economía e candidato do PP ao Congreso por Lugo, Francisco Conde.

Mais avanzaba, con todo, a intención de interpor desde San Caetano un recurso de casación diante do Tribunal Supremo pois, dixo, os últimos autos xudiciais "están a estabelecer unha serie de cuestións nas cales, desde a Xunta, entendemos que hai que aclarar". Conde aludía entón a que "hai uns parques que están a ser suspendidos temporalmente e hai outros que non sobre a mesma casuística", se ben é preciso destacar, porén, que cuestións recollidas no argumentario dos maxistrados do alto tribunal galego, como a "indebida fragmentación" dos proxectos, provocaran tamén que se tombasen as autorizacións outorgadas ao parque eólico Sasdónigas, unha decisión ratificada polo Supremo, que rexeitou o recurso da Xunta.

Por medio de dúas sentenzas, o TS sentaba así xurisprudencia, segundo advertía o letrado da parte recorrente, Ulises Bértolo, e obrigaba os poderes públicos a "observar con maior exixencia e pulcritude a xestión da análise de riscos ambientais acumulados que afectan o territorio sobre o que se instalan os eólicos". Mais considera Greenalia, empresa da que é conselleira a ex titular de Medio Ambiente da Xunta Beatriz Mato, que non foi así no caso de Campelo, Monte Toural e Bustelo —este último tamén anulado, e o anterior, paralizado de forma cautelar—.

A compañía, seguindo a estela do Goberno galego, alertou após coñecer a sentenza de Bustelo —que, por erro, pensara que podía reactivar ao trabucarse o TSXG e comunicar que acordaba "desestimar" o recurso de Adega nas conclusións do seu auto, argumentado no sentido radicalmente oposto— da "inseguridade xurídica" que xera para o desenvolvemento de proxectos industriais na Galiza o criterio que aplican os xuíces nestas sentenzas.

Greenalia afirmou que a postura dos xuíces "non está amparada en ningún precedente do Tribunal Supremo", malia compartir parte do argumentario coa sentenza de Sasdónigas, e alegou que o criterio empregado estaba fundamentado, "na maioría dos casos", nas "meras sospeitas de dano ambiental" dunha serie de proxectos "que foron sometidos, durante meses e mesmo anos, a rigorosos procedementos de avaliación de impacto ambiental". Tamén cargou contra u dos maxistrados da sala, Luís Villares, por liderar no pasado En Marea e mostrar "publicamente e en diferentes ocasións" a súa oposición á política eólica da Xunta, algo que vían como unha "posíbel incompatibilidade" para xulgar o caso.

Despois chegaron tamén as críticas desde a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), cuxo presidente, Juan Manuel Vieites, trasladou a súa "fonda preocupación" por estas resolucións e afirmou que os empresarios "precisan un marco xurídico claro e estábel". E tamén a patronal do sector no país, a Asociación Eólica da Galiza, defendeu que "suspender a execución dun acto, non só en vía administrativa, senón tamén en vía xurisdicional, nunca é a regra senón a excepción, e exixe tamén como regula a prestación dunha caución que asegure que comportamentos torticeiros non se xeneralicen impedindo a acción gobernamental".

Esta terza feira sumouse á 'cruzada' do tecido empresarial contra a independencia da Xustiza galega primeiro a patronal da construción no país e despois a patronal española deste sector de renovábeis, a Asociación Empresarial Eólica, que chama á "busca urxente dunha solución" para "desbloquear" os proxectos actualmente paralizados "e evitar que outros novos sigan o mesmo camiño". Ve, "desde o máximo respecto ás decisións dos tribunais", unha serie de "problemas estruturais" que poden "carrexar efectos moi negativos" a raíz destes autos xudiciais e que, afirma a entidade, "están condicionados por estratexias de colectivos anti-eólicos que se basean en xustificacións sen rigor técnico, mais cun forte compoñente ideolóxico e político, e con intereses contrarios ao desenvolvemento territorial e á penetración de enerxías renovábeis" na Galiza.

A AEE considera "inédita" a interpretación dos maxistrados da Lei de avaliación de impacto ambiental do Estado español, datada de 2013, "e en particular do proceso de participación pública durante a tramitación ambiental de proxectos" —a sentenza alude a que as persoas e entidades que xa alegaran ou que aínda non o fixeran no prazo outorgado "non puideron exercer de forma plena o seu dereito para participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban" porque non se recibiran todos os informes sectoriais—, estase a pór "en tela de xuízo o proceso que se levou a cabo durante máis de dez anos na fase de consulta pública para a tramitación ambiental de calquera instalación industrial ou de infraestruturas públicas, no Estado e en Europa".

"As tramitacións dos novos parques eólicos cumpren co estabelecido na lei e atenden aos informes técnicos preceptivos. Porén, algúns colectivos anti-eólicos, amparados en interpretacións da lei, conducen ao bloqueo estrutural das xestións pertinentes, dilatando sine die os procesos e eliminando calquera certeza para as empresas que teñen que investir no territorio", argumenta a patronal, que cre que a petición das persoas e entidades que presentan alegacións —aos que denomina "colectivos anti-eólicos"— de disporen de todos os informes para poder valorar o proxecto é "unha táctica que ten como fin dilatar o proceso". Considera que non é preciso expolos ao público na súa totalidade, pois, engade, "moitos deles moi especializados e sobre disciplinas que requiren dun coñecemento técnico profundo da materia".

Comentarios