A patronal da construción carga contra a Xustiza pola paralización de proxectos eólicos

"Esta situación afectaría a competitividade das construtoras que quedarían sen unha carga de traballo importante e ademais frearía a creación de novos empregos, co seu consecuente impacto laboral negativo", inciden desde a patronal da construción.
Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto:
Agostime / Europa Press)
photo_camera Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

A Federación Galega da Construción carga contra o que considera unha "paralización xudicial" de parques eólicos que contaban con informes ambientais a favor na Galiza polo efecto que isto terá, segundo alerta, sobre o emprego.

En concreto, a través dun comunicado de prensa, apunta á "perda de oportunidades" para o desenvolvemento industrial e para a creación de emprego.

A patronal galega do sector advirte das "repercusións negativas a nivel económico e social" que ten "a non execución dos proxectos autorizados, xa que se trata de investimentos millonarios".

Critica que "despois de ser sometidas a unha avaliación ambiental durante meses, quedan nunha situación de incerteza e inseguridade xurídica ao deixar en suspenso a súa declaración de impacto ambiental". Considera que esta "paralización" provocará "un importante prexuízo" á industria da construción.

"Esta situación afectaría a competitividade das construtoras que quedarían sen unha carga de traballo importante e ademais frearía a creación de novos empregos, co seu consecuente impacto laboral negativo", incide.

Afirman tamén os construtores que na Galiza o tecido industrial se atopa "con estes problemas que supoñen unha perda fundamental de oportunidades e de carga de traballo".

“Ataque á independencia xudicial”

Non é a primeira vez que desde a patronal se cuestionan as sentenzas da xustiza. A comezos deste me de xullo a asociación Xuíces pola Democracia xa alertaba desta situación.

"Que desde a Consellaría e desde unhas empresas se produzan manifestacións como as destes días, que non achegan argumentos xurídicos sobre o fondo senón cualificacións persoais, é un ataque frontal á independencia xudicial", advirte a asociación, despois de que tamén reivindicase a súa "independencia" o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Comentarios