Xustiza

O TSXG pide respecto fronte as críticas de Greenalia e da CEG

Os xuíces defenden a independencia das decisións.
Parque eólico da enerxética galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)
photo_camera Parque eólico da enerxética galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)

A sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) saíu esta sexta feira ao paso das críticas vertidas nas últimas semanas pola enerxética Greenalia, a patronal eólica galega ou a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), onde cuestionaban a decisión unánime da sala do Contencioso-Administrativo do TSXG de anular as licenzas das instalacións eólicas de Campelo e Bustelo, nos concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba, e de suspender a autorización do parque Lagoa II, no concello de Zas.

O órgano de goberno do TSXG sinalou, nun comunicado enviado aos medios de comunicación, que "ante a publicación de noticias que cuestionan a actuación de xuíces e xuízas galegos, vese na obriga de lembrar que a independencia xudicial é un dos piares do Estado de Dereito e da democracia". Polo tanto, "o seu respecto por parte das administracións públicas e a cidadanía é esencial para o normal funcionamento das institucións. Todo iso sen prexuízo de que quen estea desconforme coas resolucións xudiciais utilice os medios que lle garante a lexislación procesual".

A postura da dirección do TSXG chegou tras dúas semanas de duras críticas e dunha intensa campaña mediática con grande incidencia na prensa madrileña. Así, o 26 de xuño, un día despois de ver anulada a licenza do seu parque de Campelo, a empresa Greenalia denunciaba "inseguridade xurídica" e criticaba que resolución xudicial "non está ampara en ningún precedente do Tribunal Supremo". Ao tempo, advertía dunha situación que está a ter impacto "sobre a propia viabilidade económica das empresas do sector”.

A campaña tivo continuidade até esta sexta feira a través das declaracións de diversas entidades patronais. Así, a Asociación Eólica da Galiza criticou que "suspender a execución dun acto, non só en vía administrativa, senón tamén en vía xurisdicional, nunca é a regra senón a excepción” e advertiu de graves consecuencias económicas.

Na mesma liña, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, expresou a súa “profunda preocupación” pola sentenza e afirmou que “os empresarios precisamos un marco xurídico claro e estábel”

Comentarios