A patronal volve cuestionar as sentenzas contra eólicos de Greenalia e os xuíces alertan dun "ataque á independencia xudicial"

"Que desde a Consellaría e desde unhas empresas se produzan manifestacións como as destes días, que non achegan argumentos xurídicos sobre o fondo senón cualificacións persoais, é un ataque frontal á independencia xudicial", advirte a asociación Xuíces pola Democracia, logo de que tamén reivindicase a súa "independencia" o TSXG e no mesmo día no que os empresarios cargan de novo contra as decisións xudiciais contrarias aos seus intereses.
As organizacións agrarias advirten de que dentro das poligonais eólicas hai terras de cultivo e pastoreo afectadas. (Foto: Arxina)
photo_camera Os maxistrados reivindican a súa independencia fronte aos ataques de Greenalia, a patronal "e a Consellaría", advirten. (Foto: Arxina)

O comunicado de Greenalia afirmando que as sentenzas do TSXG que tombaban dous dos seus últimos parques eólicos autorizados polo Goberno galego, Bustelo e Campelo, estaban baseadas en "meras sospeitas de dano ambiental" non gustaron nada na xudicatura. Tampouco as declaracións do presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Vieites, apreciando certa "inseguridade xurídica" após a notificación destes autos. Esta sexta feira o propio TSXG saíu ao paso defendendo que "a independencia xudicial é un dos piares do Estado de Dereito e da democracia" e, en consecuencia, "o seu respecto por parte das administracións públicas e a cidadanía é esencial para o normal funcionamento das institucións". E este sábado sumouse a asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia na Galiza.

Nun comunicado, a entidade defende a "independencia xudicial e a dignidade de todos os seus membros" e, se ben admite que as críticas ás resolucións xudiciais son "lexítimas", cre que non é iso o que sucedeu neste caso. "As manifestacións realizadas debuxaron un escenario falso e, sen querer ou poder cuestionar os motivos das resolucións, optaron polo ataque persoal a un órgano xudicial enteiro a través do ataque a un maxistrado dos que conforman sala", expresou.

Aliás, lembrou que nos últimos tempos foron impugnados ante os tribunais diversos actos administrativos ditados en relación coa instalación de parques eólicos. O TSXG, de feito, resolveu nas recentes sentenzas se a administración respectara na tramitación as normas e leis vixentes. "Esta é unha das funcións dos tribunais, e é unha garantía básica da cidadanía fronte ao poder económico, pero tamén fronte ao titular do poder político", consideraron os maxistrados.

Segundo trasladou a asociación, no inicio da tramitación, algunha das empresas, sen especificar cal mais aludindo presumibelmente a Greenalia, pretendeu que se variase o tribunal que debía resolver sinalando unha causa de recusación contra un maxistrado da sala -sería o caso de Luís Villares, por ter liderado En Marea e manifestar "publicamente, en diferentes ocasións, a súa oposición á instalación de proxectos eólicos e ás normas aprobadas pola Xunta para a regulación do sector"-.

Neste sentido, Xuíces para a Democracia explica que hai máis dun ano que o resto da sala rexeitou tal pretensión, polo que cren que acudir agora a este argumento evidencia "pouca consistencia dos outros usados". "É máis", engade, "os asuntos resolvéronse con resolucións asumidas pola totalidade dos membros do tribunal, ao ser ditadas co unánime voto deles e non co voto nin principal, nin decisivo de quen é branco de tan gratuíto ataque".

"Que desde a Consellaría e desde unhas empresas se produzan manifestacións como as destes días, que non achegan argumentos xurídicos sobre o fondo senón cualificacións persoais, é un ataque frontal á independencia xudicial", censura a asociación de xuíces. Por esta vía, remarca, "un grupo de empresas privadas con importantes intereses económicos pretenden que un tribunal cambie de criterio á marxe das vías legais, ou, cando menos, que se altere a composición da Sala nun intento de obter unha resposta mais beneficiosa aos seus intereses".

"É o momento de reclamar á Xunta que evidencie que, comparta ou non a interpretación que fan os tribunais das normas, comparte que a súa posición institucional é a de aceptar esas interpretacións e apoiar ao Poder Xudicial, calquera outro comportamento, actitude ou mensaxe será incomprensíbel", conclúe.

O empresariado continúa os ataques

Seguindo coa súa estratexia de confrontación, porén, a CEG vén de emitir un comunicado no que advirte das "perdas millonarias e do prexuízo" que, aseguran os empresarios, supón a "desautorización xudicial" de informes ambientais de parques eólicos "non só para as empresas do sector enerxético, senón para todo o conxunto do sector industrial galego". "As repercusións empresariais son significativas. Varios proxectos eólicos foron obxecto de denuncias e recursos legais, o que implicou custos económicos e xerou incerteza e inseguridade xurídica para as empresas involucradas e para todo o tecido industrial da Galiza", expresa nun comunicado.

Nesta liña, o presidente, Juan Vieites, precisa que "hai que ter en conta que as empresas promotoras han participado nunha carreira contrarreloxo para obter unha declaración de impacto ambiental favorábel para aquelas instalacións para as que xa contaban con permisos de conexión á rede". Así, desde a CEG insisten en que "son investimentos millonarios rodeados agora dunha gran incerteza e inseguridade xurídica". "Está a comprometerse a gran aposta da Galiza pola transición enerxética, pero tamén se está poñendo en perigo a viabilidade de empresas e proxectos industriais que subscribiran contratos PPA cos promotores de moitos destes parques e cuxa competitividade queda agora comprometida se non se executan os proxectos", lamenta.

Así mesmo, critica que, "de modo sistemático", numerosos proxectos que foron sometidos "durante meses e mesmo anos a rigorosos procedementos de avaliación de impacto ambiental, sexan suspendidos ou rexeitados, cando o devandito sistema aplicado con rigor, xa deixou sen Declaración de Impacto Ambiental favorábel moitos proxectos en sede administrativa".

Por iso, os empresarios ven preciso valorar o alcance desta paralización, xa que, na súa opinión, non só afectará illadamente os proxectos obxecto de instalación, senón que "terá graves implicacións para outros proxectos novos e tractores da economía" como os de hidróxeno e de amoníaco ou fabrís xa anunciados e que "demandarán un gran consumo de enerxía nova e renovábel, que poderían perigar se os desenvolvementos eólicos non se implantan na comunidade".

Vieites fala de "preocupación máxima" de todos os empresarios galegos "ante a xudicialización dun sector chave", o cal xera "nefastas consecuencias" na actividade económica e "con iso no emprego e en futuros investimentos". "Estamos a enviar sinais que non favorecen a atracción de investidores e promotores de proxectos industriais á nosa comunidade", expón.

Comentarios