A patronal eólica critica a paralización xudicial de 13 parques e alerta de que están en xogo 10.500 millóns de euros

A Asociación Empresarial Eólica estima que outros 60 proxectos eólicos, que supoñen 3.000 megawatts (MW) de potencia instalada e que tamén están afectados pola "xudicialización", poñen en risco outros 4.200 millóns de euros de investimento.
Muíños de enerxía eólica na serra de Candán, comarca do Deza. (Foto: Arxina)
photo_camera Muíños de enerxía eólica na serra de Candán, comarca do Deza. (Foto: Arxina)

A Asociación Empresarial Eólica (AEE) advertiu esta segunda feira de que a "reiterada situación de inseguridade xurídica" que afecta o desenvolvemento eólico na Galiza pon en risco investimentos que ascenderían até os 10.500 millóns de euros. Nun comunicado, a patronal eólica subliña que o país vive inmerso "nunha conxuntura de incerteza e indefensión" como consecuencia da "xudicialización masiva" de proxectos que contan coa preceptiva declaración de impacto ambiental (DIA) e o correspondente permiso de construción.

A este respecto, AEE considera que Galiza necesitará oito terawatts hora (TWh) adicionais para responder á electrificación da economía e aos 32 novos proxectos industriais de carácter estratéxico, que suporía 6.300 millóns de euros de investimento e a creación de 14.000 empregos, entre directos e indirectos, que "se perdería de seguir freando a implantación de enerxía eólica, tan necesaria ademais para combater o cambio climático", engade.

Na mesma liña, estima que outros 60 proxectos eólicos, que supoñen 3.000 megawatts (MW) de potencia instalada e que tamén están afectados pola "xudicialización", poñen en risco outros 4.200 millóns de euros de investimento e arredor de 4.800 empregos durante cinco anos, afirman.

A patronal lamenta que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza anunciase esta terza feira a paralización de 13 novos proxectos baseándose na "prevalencia, prevención e precaución en materia ambiental", criterios diferentes dos que o Tribunal Supremo considerou inválidos para decretar cautelares.

Con todo, afirma que, tras a sentenza do Supremo do pasado mes de decembro anulando as sucesivas suspensións cautelares a máis de 200 MW, "quedou palpábel que todos os parques que estaban a ser paralizados, tras demandas que argumentaban defectos no proceso de consulta pública, foron tramitados correctamente".

O alto tribunal galego basea agora os seus fallos no mapa de zonificación ambiental publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico como referencia ao hipotético dano ambiental dos proxectos. Para a AEE, esta utilización é cuestionada desde varios ámbitos xurídicos, xa que o mapa de zonificación "non ten rango normativo propio e é unha ferramenta de apoio para a tramitación de proxectos que pretende informar o promotor sobre a complexidade ambiental do desenvolvemento das instalacións en determinadas zonas".

Comentarios