A Xunta cuestiona a Xustiza e recorrerá a paralización de 13 parques eólicos polo seu impacto ambiental

"Non entendemos por que agora se buscan outras escusas", destacou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sobre a sentenza do TSXG.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, defendeu esta cuarta feira "o criterio dos técnicos da consellería" fronte ás últimas resolucións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anularon varios parques eólicos, unha actuación que lle "chama moitísimo a atención" tras o aval do Tribunal Supremo a determinadas decisións da Xunta da Galiza nesta materia. "Non entendemos por que agora se buscan outras escusas", destacou.

A preguntas dos medios, a vicepresidenta segunda da Xunta lembrou que o Tribunal Supremo "acaba de dar a razón" á Xunta e de dicir "que a Galiza fixo ben o seu trámite" e "que non hai problemas" desde o punto de vista da declaración de impacto ambiental. Agora, dixo a conselleira de Medio Ambiente, as resolucións "xa non se centran na declaración de impacto ambiental", se non que "buscan outro recurso e fan caso omiso ao que di o Supremo".

Presentación de recursos

Este "escollo", engadiu, está "a influír desde o punto de vista económico", xa que "hai moitos proxectos encima da mesa". "A Xunta non se pode quedar de brazos cruzados", dixo a conselleira, que apuntou que se está estudando cos servizos xurídicos como "salvar" esta situación.

Sobre a actuación da Xunta, Vázquez asegurou que a autorización de parques eólicos fíxose "con total transparencia" e "cumprindo a lei". "O Supremo ditou un auto e di que a Xunta actuou conforme a lei ", dixo Vázquez, que asegurou que os técnicos do Goberno galego "non puideron ser máis estritos" nesta cuestión.

Pola súa parte, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lourenzá, avanzou que a Xunta recorrerá as últimas suspensións de parques eólicos decretadas polo TSXG. "Continuaremos loitando e esperamos que o Supremo corrixa esta doutrina do TSXG", afirmou.

O TSXG suspendeu un total de 13 parques eólicos a pesar da sentenza do pasado mes de decembro do Tribunal Supremo que rexeitaba dúas das causas que o alto tribunal galego empregaba para a paralización destes proxectos. Así, o TSXG explica “que adaptou” os criterios á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto a estes proxectos, polo que agora baséase en cuestións como poden ser a "cautela, prevención e precaución" ambiental.

A preguntas da prensa na Coruña, a conselleira mostrou o "respecto absoluto" ás decisións do alto tribunal galego, aínda que afirma "non compartir" estas decisións. "Continuaremos pola vía de recurso como xa fixemos, e gañamos, no Supremo, que anulou algunhas das resolucións do TSXG", remarcou.

Nesta liña, Lourenzá defendeu o traballo dos funcionarios das declaracións de impacto ambiental que se fan na Xunta. Igualmente, agregou que "na lei de acompañamento aos orzamentos regulouse o interese público superior dos parques eólicos, co cal se ten que ter en conta por parte dos tribunais ese acompañamento normativo".

Comentarios