A patronal do metal promete batalla se Barreras vai a unha firma sen proxectos

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, reclama que non se priorice a cantidade de diñeiro ofertada ao seleccionar ao adxudicatario
Estaleiros Hijos de J. Barreras. (Foto: Paula Justo / Europa Press).
photo_camera A dirección do estaleiro Barreras encargou a unha consultora a procura de "alternativas" para facer viábel a factoría naval (Foto: Paula Justo / Europa Press).

A comezos de decembro arrincou a fase de análise das ofertas vinculantes presentadas no marco do proceso de venda do estaleiro Hijos de J. Barreras, un proceso sobre o que onte se pronunciou a patronal galega do metal, Asime, que apelou á "responsabilidade" do propietario, Cruise Yatch Yardco, para que o estaleiro vigués vaia parar a un candidato con "experiencia" na construción ou reparación naval e, na medida do posíbel, con contratos en carteira.

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, reclamou que non se priorice a cantidade de diñeiro ofertada ao seleccionar ao adxudicatario, xa que unha diferenza de "2, 3 ou 5 millóns" pode resulta " irrisoria" en comparación co impacto económico da actividade do principal estaleiro privado do país. 

Após indicar en rolda de prensa que ten constancia de "polo menos tres" ofertas, concluíu que unha diferenza de varios millóns nestas pode resultar "irrelevante" dado que "algúns candidatos din que poden achegar contratos de até 800 millóns de euros". Ademais, advertiu de que unha adxudicación a un candidato que "simplemente achegue unha cantidade económica", fará que a patronal adopte "accións legais, comerciais e de márketing".

Nesta liña, Mallón chamou á "responsabilidade" do propietario, xa que a adxudicación "vai afectar non só aos acredores, senón tamén ao sector no seu conxunto", e lembrou que Barreras chegou a xerar até 3.000 empregos directos e indirectos na comarca.

Respecto da débeda do estaleiro coa industria auxiliar, que cifrou en 12 millóns de euros, confiou en que a nova firma adxudicataria "a asuma de modo responsábel".

Terreos de Vulcano

Mallón tamén se referiu á recente aprobación por parte do Porto de Vigo das bases para sacar a concurso a concesión dos terreos que ocupaba Factorías Vulcano (agora Estaleiros San Enrique), que contemplan un investimento mínimo de 974.800 euros máis IVE e 10 anos de prazo ampliábeis a 15, no caso de que se supere o investimento en 25%.

A este respecto, aínda que ve "con satisfacción" que o Porto dedique a superficie á actividade naval, indicou que se saca a concurso "unha superficie menor que a de Vulcano" ─só 18.000 dos 55.000 metros cadrados que tiña─ e con 15 anos de concesión, unha "falta de infraestrutura" á que se suma "un prazo mínimo para que haxa interese de calquera xestor ou investidor", alertou.

Comentarios