Barreras liquidará "de inmediato" a débeda cos provedores do 'Evrima'

O estaleiro vigués recibiu a subvención do Goberno español, que destinará integramente ao pagamento das débedas contraídas na construción do cruceiro de luxo de Ritz-Carlton.
Representantes das industrias auxiliares acredoras do estaleiro Hijos de J Barreras
photo_camera Representantes das industrias auxiliares acredoras do estaleiro Hijos de J Barreras

O estaleiro vigués Hijos de J. Barreras comprometeuse a realizar "de inmediato" os pagamentos pendentes a provedores e industria auxiliar que participaron no proxecto do 'Evrima', o cruceiro contratado por Ritz-Carlton, estimados nuns 20 millóns de euros.

Este pagamento farase efectivo despois de que a empresa, en pleno proceso de venta, teña no seu poder a subvención aprobada a principios de agosto polo Goberno español, cuxo importe non se concretou, pero que estaría por baixo dos 23 millóns de euros contemplados no Real Decreto. O estaleiro xa anunciou que "a totalidade" deses cartos destinarase ao pago da débeda cos provedores dese barco.

Proceso de venda

Mentres, Barreiras prosegue  coa busca dun comprador. A consultora Kroll, que lidera a operación, estabeleceu contactos "sobre todo con estaleiros" e firmas vinculadas á construción naval, aínda que tamén  trasladou o caderno de venda a empresas relacionadas coa eólica mariña.

O próximo paso será que os investidores interesados remitan Barreras os 'manifestos de interese' e asinen as denominadas 'cartas de confidencialidade'. A partir de aí, as empresas que queiran facerse co estaleiro deberán presentar "ofertas indicativas" entre as que se fará unha selección "priorizando o plan industrial".

Nunha fase posterior, abrirase o proceso de auditoría ('due  diligence') entre candidaturas e as empresas deberán presentar xa "ofertas vinculantes".

Fontes do estaleiro precisaron que, no caderno de venda "non se fixou ningún prezo" por Barreras. En todo caso, o sector dá por feito que esa cifra será simbólica, tendo en conta as cargas que pesan sobre a empresa (débedas, patrimonio negativo e litixios pendentes).

Comentarios