O comité de Barreras demanda unha compradora "cun plan de futuro"

Este domingo conclúe o prazo de presentación de ofertas e hai confianza en que polo menos cinco compañías se interesen polo estaleiro vigués. A Xunta, pola súa parte, prometeu “formar parte da solución”, mais reclama carga de traballo ao tempo que insta ao Goberno español a actuar.

Un dos accesos á factoría de Barreras (Foto: Pedro Davila/Europa Press).
photo_camera Un dos accesos á factoría de Barreras. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

Coa chegada do fin do prazo das ofertas para a compra do estaleiro Hijos de J. Barreras, o presidente do comité de empresa, Sergio Gálvez, demanda que se escolla unha compradora con plan industrial “de futuro” que traía aparellado “carga de traballo”.

Malia que distintas voces próximas á operación destacaban na sexta feira que estaba previsto que polo menos cinco empresas amosasen o seu interese pola factoría con ofertas vinculantes, Gálvez asegura que os sindicatos “non saben nada” sobre o proceso.

Entenden que “ten que haber unha discreción”, pero confían en que se “concrete algo a semana que vén”. No entanto, o feche do proceso podería tardar “dous ou tres meses”.

En todo caso, desde o comité se insiste en que é importante que a oferta vencedora "teña en conta tanto o mantemento do persoal como unha formulación industrial de futuro", porque "é o que todos desexan".

Espérase que entre os posíbeis compradores se atopen firmas como Estaleiros San Enrique, Estaleiros Armón ou Estaleiros Gondán, todos eles con instalacións en Vigo e en Asturies.

Compromiso do Goberno galego

Neste contexto, a Xunta prometeu ser “parte da solución” para Barreras. Así o dixo o vicepresidente segundo e responsábel de Economía, Francisco Conde, nunha entrevista radiofónica.

Subliñou que é básico garantir a actividade neste estaleiro, tanto para conservar o cadro de persoal como para manter o traballo “na industria auxiliar”.

Así mesmo, o representante do Goberno galego lembrou que a situación da factoría olívica "tampouco debe embazar o bo traballo que se fai desde o sector na Galiza".

Comentarios