O patrimonio en fondos de investimento na Galiza cae en até 4%

Galiza é o territorio do Estado español con maior ponderación en produtos garantidos e de rendibilidade obxectivo (14,3%), mentres que tres de cada dez euros en fondos canalízanse a través de produtos de renda fixa.
O patrimonio en fondos de investimento baixo case un 4% na Galiza en 2022 (Foto: Nós Diario).
photo_camera O patrimonio en fondos de investimento baixo case un 4% na Galiza en 2022 (Foto: Nós Diario).

O patrimonio en fondos de investimento sitúase en 11.045 millóns de euros ao fechamento de 2022, o que supón un descenso de 3,6% en comparación con 2021, segundo un informe do Observatorio Inverco.

Este retroceso é o mesmo que se produce na media estatal de caída de investimento en fondos, 3,6% menos, cun total de 306.198 millóns de euros.

Entre as circunscricións galegas, A Coruña acumula un investimento de 5.008 millóns en fondos. Séguena: Pontevedra (3.275 millóns), Lugo (1.401 millóns) e Ourense (1.361 millóns).

Produtos garantidos

Así mesmo, Galiza é o territorio do Estado con maior ponderación en produtos garantidos e de rendibilidade obxectivo (14,3%), mentres que tres de cada dez euros en fondos canalízanse a través de produtos de renda fixa.

O número de contas de partícipes en Fondos na Galiza medrou en 2022 ata situarse en 639.603.

O estudo apunta que 2022 foi "un exercicio marcado polas correccións experimentadas nos mercados tanto de accións como de renda fixa, que se viron amortecidas grazas á confianza dos partícipes de fondos de investimento, que mantiveron o notábel ritmo de adquisición destes vehículos, situándose as subscricións netas por encima dos 17.000 millóns de euros".

Comentarios