O investimento estranxeiro baixa 23% na Galiza malia subir no Estado

O investimento foráneo supón 0,5% do total no país.
A ministra española de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).
photo_camera A ministra española de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

O investimento estranxeiro na Galiza baixou 22,9% en 2022 en relación co ano anterior, de modo que se situou en 172 millóns de euros, o que representa 0,5% do total, segundo os datos do Ministerio de Industria.

Con cifras do rexistro de investimentos estranxeiros DataInvex da Secretaría de Estado de Comercio, o Ministerio do Estado español recolle que o investimento estranxeiro na Galiza foi de 223 millóns en 2021, o que significaba 0,7% do total.

A media do período 2018-2022 alcanza na Galiza os 255 millóns, tamén 0,7% do total, o que implica que en 2022 a caída foi de 32,5% na comparanza coa media destes cinco anos.

No conxunto do Estado español, o investimento estranxeiro superou en 2022 os 34.178 millóns de euros en termos brutos, o que supón a segunda maior cifra alcanzada desde que se teñen datos rexistrados (1993). En relación con 2021, trátase dun aumento de 13,9%.

Para a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, "estes datos mostran a fortaleza da economía española e a enorme confianza que teñen os investidores estranxeiros". 

Neste "difícil e incerto contexto internacional", o Estado español, reivindicou Maroto, "ofrece seguridade e certeza grazas ao despregue da ambiciosa axenda de investimentos e reformas que o Goberno español puxo en marcha a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia".

En termos netos, é dicir, investimentos estranxeiros menos liquidacións das mesmas, a cifra de investimentos sen contar os que se acollen a un réxime fiscal especial alcanzou os 23.892 millóns de euros, segundo Industria, 9,8% máis que en 2021.

No último ano, a nivel estatal, máis de 87% dos investimentos estranxeiros dirixíronse a empresas non cotizadas. A nivel xeográfico, os Estados Unidos de América son o principal investidor, concentrando a emisión de 27,7% dos fluxos de investimento sen réxime fiscal especial. A continuación fica o Reino Unido (con 17,8% do investimento) e Alemaña (14%).

Comentarios