O ocio nocturno facturou en agosto só 6% do que ingresou o mesmo mes de 2019

O sector avoga por retomar as mobilizacións tras cualificar de "desastrosa" a xestión política após o estado de alarma de cara a reactivación do lecer nocturno e os espectáculos.
Acceso a un local de ocio nocturno en Sanxenxo (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
photo_camera Acceso a un local de ocio nocturno en Sanxenxo (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

Os locais de lecer nocturno galegos facturaron no mes de agosto deste ano 6,37% dos ingresos que obtiveron no mesmo período de 2019. Así se desprende do informe realizado pola asociación Galicia de Noite que, xunto a España de Noche presentou os resultados do sétimo estudo sobre o impacto da Covid no sector do ocio e os espectáculos.

Expectativas frustradas

A realización do estudo compara a situación do sector durante o segundo verán da crise pola pandemia con respecto ao verán de 2019. Neste sentido, o estudo revelou que os locais galegos apenas alcanzaron 6,37% do que facturou en 2019, "moi por baixo" da media estatal, que se sitúa en 11,46%.

Con respecto á percepción do sector a nivel nacional sobre o funcionamento do verán, "teniendo en conta as expectativas favorábeis que xeraban o final do estado de alarma e a evolución positiva da enfermidade durante a pasada primavera", o sector fai unha "valoración crítica e moi negativa" da xestión política da última fase da crise do coronavirus.

Nunha escala de 1 a 10 para valorar o cumprimento das expectativas que tiña o sector sobre como ía funcionar o verán, o colectivo empresarial outórgalle unha puntuación de 1,6.

Só 8,2% dos enquisados cubriron as expectativas que tiñan para este verán. Para 91,8% "a xestión política tras o final do estado de alarma resultou desastrosa para a reactivación da actividade do lecer e os espectáculos".

Axudas económicas

En relación ás axudas económicas que recibiu o sector na Galiza, "nun escenario tan dramático", as Pemes galegas "apenas recibiron axudas por parte das Administracións, e só por 14,21% do valor das perdas acumuladas", neste caso, "un pouco por riba de 12,5% da media estatal" durante estes 17 meses.

Mobilizacións 

O estudo constata que 96,2% das empresas consultadas en todo o Estado ("centenares") considera que "a situación actual do sector é insostíbel" polo que ve necesario "reactivar o calendario de actos de protesta e mobilizacións", para reclamar as axudas económicas necesarias para compensar "a súa crítica situación".

Ademais, reclaman un plan para a reactivación do sector con carácter inmediato que "permita recuperar a súa actividade ao 100%, durante o próximo mes de setembro".

As causas da "ruína"

Con respecto ás causas do "fracaso da tempada de verán", 83,2% dos locais enquisados considera que a principal causa da súa "ruína" durante o mes de agosto "foron as restricións impostas polas comunidades autónomas aos locais de lecer", que "impediron contar cun dique de contención fronte ao ocio irregular, festas e aglomeracións que se están vendo de forma repetida".

Ademais, 80,5% das Pemes considera que foi "a incapacidade de afrontar a problemática do botellón por parte das Administracións" a causa da evolución negativa da tempada no verán, seguida da "incapacidade" de implantar o certificado sanitario para un 72,3%. 

Comentarios