xoves 03/12/20

A hostalaría, ao límite da súa resistencia

O sector da hostalaría da Galiza mobilizouse de forma masiva en Compostela. Nunha marcha simbólica polo futuro da restauración, a hospedaxe e o ocio nocturno, xerentes e traballadores percorreron o tramo final do Camiño de Santiago até a praza do Obradoiro. Reclaman maior compromiso da Xunta e un plan de rescate completo que sosteña os seus negocios sen máis sacrificios nin acusacións de culpabilidade.
O colectivo hostaleiro da Galiza manifestouse en Compostela polo futuro do sector (Europa Press).
O colectivo hostaleiro da Galiza manifestouse en Compostela polo futuro do sector (Europa Press).

"Queremos traballar". O reclamo unánime do sector da hostalaría da Galiza xuntou onte en Compostela o colectivo de profesionais do ramo. Tras unha semana de protestas e mobilizacións locais, uniron forzas nunha mesma cidade para demandar un plan de rescate urxente que alivie a tensión á que se están vendo sometidos tanto empresarios como traballadores por segunda vez durante a pandemia de coronavirus. 

A decisión de fechar de novo a hostalaría, advirten os afectados pouco antes de que arranque a marcha que os levará até a praza do Obradoiro, chega no "peor momento, despois de cinco meses de espera e de facer un grande esforzo por recuperar a actividade, cando comezabamos a recuperar o pulso do negocio" comenta Enrique Villar, dono de dúas cervexarías, agora fechadas, na capital da Galiza. "Ao final, o que temos son oito meses perdidos".

As queixas por parte do sector intensificáronse nos últimos días após a orde de fechamento decretada pola Xunta e a falta dun paquete sólido de medidas que dea soporte á hostalaría para que a clausura definitiva dos estabelecementos non sexa a única saída.

Marcha simbólica 

Procedentes de todo o territorio, representantes e asociados das principais entidades profesionais do sector concentráronse na entrada norte de Compostela para percorreren a pé o último treito do Camiño de Santiago. "Convocamos esta marcha simbólica por un dos tramos do camiño francés, tan ligado á hostalaría, para poñer en evidencia a situación límite na que se encontra o sector", destaca Lois López, vogal da Asociación Hostalaría Compostela

Desde a cabeza da manifestación, López apunta directamente a reivindicación primordial do colectivo: un plan de rescate completo. "Nós presentamos xa unha proposta de rescate integral cunha serie de medidas que cremos que a Xunta ten a obriga de liderar, da man co sector, con Concellos, Deputacións e Administración estatal, para buscar unha solución que nos permita convivir coa situación actual e planificar como imos poder traballar no futuro, sen esperar a anuncios improvisados".

Os hostaleiros aseguran que cada día que se manteñan as restricións de feche máis locais abandonan para sempre. "As axudas son un balón de osíxeno urxente e necesario, pero non van ser a solución", incide Lois López quen apunta, ademais, que as que se están dando agora, de carácter local, "son insuficientes".

Salvar o emprego

Máis aló das axudas directas, polas que a maioría das propietarias e propietarios do ramo apreman as Administracións, o sector reclama unha fórmula que "nos permita salvar o emprego e traballar de forma segura". E para aqueles negocios que polas súas condicións non poidan reabrir a medio prazo, engaden "cómpre unha solución definitiva e estábel, ben sexa a través dun plan de reconversión, de xubilacións anticipadas ou dun programa de axudas permanentes que poidan manter as xerencias e os equipos de traballo".

A hostalaría láiase de perdas "tremendas" en termos económicos e de recursos humanos. Abertos ou fechados, os estabelecementos contan con gastos fixos que teñen que seguir mantendo. O aluguer, o abastecemento de enerxía, as cotas proporcionais da seguridade social dos traballadores en ERTE, soldos, hipotecas e préstamos financeiros. 

Marisa González rexenta unha cafetería en Pontevedra. Disponse a andar a recta final do Camiño de Santiago cunha pancarta na que se le "todos somos hostalaría". "De momento resisto, mais de seguir así o feche non está moi lonxe. A situación é inviábel", asegura.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]

comentarios