A fin dunha era: A central térmica das Pontes acaba o carbón e pon fin a 47 anos de actividade ininterrompida

"Estamos a dedicarnos a queimar as últimas reservas que temos no parque de carbóns, para finalizar xa o funcionamento da central tras máis de 45 anos en activo", sinalou o responsábel de operación da central, Jesús Ferreño.
Central térmica das Pontes, na comarca do Eume. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
photo_camera Central térmica das Pontes, na comarca do Eume. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

Endesa finaliza esta cuarta feira o carbón da central térmica das Pontes (O Eume) e pon fin aos 47 anos de produción eléctrica de maneira ininterrompida neste complexo enerxético de 1.400 megawatts.

Así o trasladou o responsábel de operación da central, Jesús Ferreño, que detallou que estes foron "os últimos días de funcionamento".

"Estamos a dedicarnos a queimar as últimas reservas que temos no parque de carbóns, para finalizar xa o funcionamento da central tras máis de 45 anos en activo", sinalou.

Así, subliñou que, co fin do carbón, "finalízase a etapa laboral desta central" e toca xa "pensar no futuro, nos novos proxectos que veñan e no desmantelamento" destas instalacións.

Unha vez se produza o apagado da caldeira, a planta entrará nunha fase de transición cara a "unha situación segura", que implicará traballos de baleirado, limpezas e desconexións eléctricas.

Deste modo, procederase á desconexión dos grupos da rede para poder obter o acto administrativo para desmantelar as instalacións de forma segura.

Seguinte paso

"O desmantelamento será un traballo que servirá de ponte para a instalación dos futuros proxectos de renovábeis que se instalarán na zona", engadiu.

A compañía Endesa ten en desenvolvemento máis de 1.000 megawatts na Galiza, dos cales, 600 deles teñen a declaración de impacto ambiental (DIA) aprobada.

Ademais, continuou, "hai en tramitación varios proxectos industriais en terreos da central, que foron declarados estratéxicos pola Xunta, como o de Ence e a asiática Sentury".

Comentarios