Traballadores das Pontes ven "prematura" a confirmación do feche da central térmica

Os transportistas critican o modo no que o Goberno do Estado anunciou a clausura dos grupos da planta aínda activos e din que non cesarán as súas demandas.
Torres de refrixeración da central térmica das Pontes (Foto: Endesa).
photo_camera Torres de refrixeración da central térmica das Pontes (Foto: Endesa).

Os traballadores da central termoeléctrica das Pontes ven "prematura" a confirmación de feche da central tras a autorización do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico da solicitude presentada pola empresa propietaria, Endesa, unha vez coñecido o informe favorábel de Rede Eléctrica de España (REE) sobre a compatibilidade do cese coa seguridade de subministración do sistema eléctrico.

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa, Ricardo Casas, mostrou a súa "tristeza" pola clausura dunha central "histórica a nivel nacional".

Ademais, asegurou que esta decisión é "prematura", xa que "aínda que a situación do mercado enerxético mellorou, segue sendo moi volátil". "O inverno vén aí, a guerra está como está; non sabemos como pode ir evolucionando", sinalou Casas.

Sobre as alternativas, o presidente do comité apuntou que se coñecen os parques eólicos previstos na zona, asociados a industrias, pero que "teñen un horizonte de xuño de 2025 e aínda non se iniciou a construción".

Emprego

Así, cos contratos prorrogados até finais de novembro, Casas volveu a demandar que Endesa "cumpra co prometido", tanto para as auxiliares como para o persoal propio.

"Dixéronnos desde o principio que non nos van a abandonar, nin abandonar Galiza. Queremos que iso se cumpra, que a xente non teña que volver desprazarse, con todos os trastornos que supón, e que se manteña o emprego", insistiu.

Ademais, o representante dos traballadores lamentou saber da confirmación de feche pola prensa e avanzou que agora, unha vez que teñen a decisión enriba da mesa, terán que reunirse coa empresa para coñecer os pasos a seguir a partir deste momento.

Transportistas

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Transportistas das Pontes, Manuel Bouza, tamén se queixou da maneira na que o Goberno anunciou a 'luz verde' ao feche: "Un sábado, en mes de agosto, a xente de vacacións... Hai que ter un pouco de sentido común".

Para eles, igual que para os traballadores da propia planta, é "outra patada máis" deste proceso iniciado hai anos, pero recoñece que "hai que asumilo".

Con todo, iso non significa que vaian cesar nas súas mobilizacións. Nos próximos días convocarán unha asemblea de transportistas para analizar os próximos pasos a dar.

Segundo o presidente da asociación, "até agora" Endesa si cumprira o calendario acordado, a pesar de que a carga de traballo era intermitente, pero "o que non se fai é o que acaban de facer esta mañá".

Comentarios