Endesa fía ao desenvolvemento eólico o seu "compromiso" coa Galiza

Após o anuncio da autorización de feche concedida polo Goberno do Estado, a empresa confirma os seus plans unha vez desmantelada a planta térmica.
Os plans de Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, pasan por levantar seis novos parques eólicos na Galiza (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera Os plans de Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, pasan por levantar seis novos parques eólicos na Galiza (Foto: Luis Vilanova).

Endesa, empresa propietaria da central termoeléctrica das Pontes (Eume), reivindicou o seu "compromiso" coa Galiza tras a autorización do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico da solicitude presentada pola propia entidade, tras o informe favorábel de Rede Eléctrica de España (REE) sobre a compatibilidade do devandito feche coa seguridade de subministración do sistema eléctrico.

Nun comunicado, a empresa sinalou que "reafirma" deste xeito "o seu compromiso" coa Galiza co impulso dun plan de desenvolvemento social e económico no territorio que, segundo destacou, inclúe unha carteira de proxectos eólicos con acceso e conexión á rede por un total de 1.000 MW (650 MW con Declaración de Impacto Ambiental xa aprobada), "a maioría vinculados a iniciativas industriais estratéxicas para o futuro da comunidade".

Permisos pendentes

Con todo, si recoñeceu que este desenvolvemento de enerxía eólica está pendente aínda de permisos gobernamentais e autorizacións internas na empresa.

Endesa suma os seus proxectos ás iniciativas de Sentury Tire e Ence na contorna

En todo caso, Endesa afirmou que leva aparellados 1.780 postos de traballo durante a construción e 212 directos durante os 25 anos estimados de vida útil dos parques.

"Contabilizando as iniciativas empresariais impulsadas con outras compañías como Sentury Tire e Ence (900 postos e 832 millóns de euros), que se desenvolverán sobre os terreos da antiga central, os empregos directos e estábeis xerados alcanzarán até 1.300", manifestou.

Ademais, tal e como destacou, a entidade "apoiará a xeración de novas oportunidades de negocio na súa terminal portuaria de Ferrol, instalará un centro loxístico eólico para dar servizo a todo o Estado español e impulsará a formación para contar con persoal especializado tanto na montaxe de parques eólicos como no desmantelamento da térmica".

Comentarios