O Goberno autoriza o feche da central térmica das Pontes

Rede Eléctrica de España (REE) confirma a compatibilidade da clausura completa coa seguridad de suministración do sistema eléctrico.
Central térmica de Endesa no municipio das Pontes. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
photo_camera Central térmica de Endesa no municipio das Pontes. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

O Goberno do Estado, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) autoriza o peche completo da central termoeléctrica das Pontes, solicitado pola empresa propietaria, Endesa, tras o informe favorábel de Rede Eléctrica de España (REE).

Segunda publica o Boletín Oficial do Estado deste sábado, 19 de agosto, o ente regulador confirma a compatibilidade do feche da central coa garantía de subministración do sistema eléctrico.

"O feche dos catro grupos de carbón das Pontes é compatíbel coa seguridade do sistema e a garantía de subministración eléctrica", conclúe REE.

A reconversión da zona prevé un investimento de máis de 2.500 millóns de euros e a creación de 1.300 empregos

O pasado mes de setembro o Executivo autorizou o feche de dous grupos da planta e obrigou Endesa a manter en activo os outros dous para facer fronte á crise enerxética, condicionando a súa clausura a un aumento da coxeración e á dispoñibilidade de potencia.

O final da témica

As Pontes volveu operar no mes de novembro do ano pasado após tres meses de inactividade. Agora, tras a estabilización dos mercados enerxéticos tras as tensións ocasionadas pola guerra en Ucraína e o seu impacto nos prezos e na seguridade de subministración da enerxía, REE considera que se cumpren "as condicións que fan viábel o feche de todos os grupos de carbón das Pontes".

Así, comeza a conta atrás para que Endesa queime as últimas reservas de carbón e no prazo de un ano apague definitivamente os seus catro grupos nas Pontes, cunha potencia neta de aproximadamente 350 MW cada un.

Despois, o Goberno concédelle outros tres anos para o desmantelamento total da central. Os plans para a reconversión industrial da zona prevén un investimento superior a 2.500 millóns de euros e xerarían máis de 1.300 empregos directos, informa o Ministerio.

Neste sentido, lembra que se están lanzando programas de apoio para proxectos enerxéticos "innovadores" que contan con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que dan prioridade nos concursos de accións aquelas propostas situadas en zonas con centrais en proceso de feche, como a das Pontes.

Axudas e emprego

Nesta zona xa se concedeu unha axuda de 15 millóns á primeira fase do proxecto H2Pole de EDP e Reganosa, que prevé a construción dunha planta de produción de hidróxeno renovábel, cun investimento de 156 millóns e a creación dun centenar de empregos –entre directos e indirectos – na fase de explotación, segundo sinala o departamento que dirixe en funcións Teresa Ribeira.

Tamén se están apoiando proxectos municipais, como o desenvolvemento dun centro loxístico no polígono industrial de Penapurreira, nas Pontes, que dea servizo ás empresas con problemas de almacenaxe e ao transporte por estrada afectado polo peche da central, adxudicado a través dunha convocatoria en 2021.

Ademais, a través da convocatoria de axudas a infraestruturas ambientais, sociais e dixitais, concedéronse 6,8 millóns a outros 11 proxectos. Así, Moeche desenvolverá un Centro de Desenvolvemento Económico e Social da man de asociacións locais; As Somozas rehabilitará as antigas escolas municipais para vivenda social e equipamento sociocomunitario; Cabanas creará un espazo de coworking para emprendedores e microempresas, e Cerdido, Mañón, San Sadurniño, Ortigueira, Vilalba e Xermade desenvolverán diversos proxectos.

Na mesma liña, co obxectivo de impulsar a xeración de emprego na zona, o Goberno lanzou convocatorias de axudas a proxectos de investimento empresarial dotadas con 50 millóns de euros, actualmente en fase de valoración de solicitudes.

A estas axudas de xestión do Ministerio únense os 111 millóns de euros achegados polo Fondo de Transición Xusta da Unión Europea á Xunta da Galiza para mitigar os impactos dos peches das Pontes e Meirama.

Outros proxectos

Paralelamente, en abril de 2020, o Miteco impulsou e asinou o acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en peche cos sindicatos e as empresas propietarias no que se require aos axentes implicados un impulso para a reconversión das zonas afectadas. En cumprimento deste acordo, Endesa comprometeuse a promover proxectos de reconversión que, estima, traduciranse nun investimento de 2.682 millóns e máis de 1.300 novos empregos directos.

Desta maneira, Sentury Tire instalará unha fábrica de pneumáticos nos terreos da antiga mina. Cun investimento de 477 millóns a empresa prevé a creación de 750 empregos e dinamizar o volume de tráfico do Porto de Ferrol. Así mesmo, Ence situará unha fábrica de biocombustíbeis, bio-produtos e celulosa especial, cun investimento duns 380 millóns, xerando 150 empregos directos, e case un milleiro sumando indirectos e inducidos.

Xunto a estas iniciativas industriais, Endesa comprometeuse a dar un impulso loxístico á terminal do Porto de Ferrol, a crear un centro loxístico, a impulsar un proxecto de hidróxeno verde, a materializar un plan de formación para as persoas da contorna e a priorizar a traballadores directos e auxiliares da central na formación, desmantelamento e novos desenvolvementos na zona.

Comentarios