“Non hai razóns para que Extel despida 205 traballadores. Pedimos a solidariedade de toda A Coruña para facer fronte a isto”

Yolanda Martínez, delegada da CIG no centro coruñés da empresa teleoperadora, recoñece que non agardaban un “golpe tan duro” no ERE. Mais advirte que o persoal non vai baixar os brazos e que fará fronte a este proceso que enmarca no proceso de deslocalziación que sofre o sector

Extel 2

Extel pretende despedir 205 traballadores no seu centro da Coruña no marco do expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a 355 empregados en todo o Estado. O peso principal do expediente, pois, recae na cidade galega, que soportará o 58% dos despedimentos desta empresa de telemarketing. Falamos con Yolanda Martínez, delegada da CIG, sobre o expediente, o seu impacto na cidade e o futuro dun sector que na Galiza ocupa a máis de 8.000 persoas.

- Agardabades un ERE tan contundente para A Coruña? O 58% dos despedimentos que propón a empresa en todo o Estado son no centro de chamadas coruñés.

- Non, tan contundente non. Son 205 despedimentos na Coruña dun total de 355 en todo o Estado. A noticia caeu como un xerro de auga fría por moito que temésemos que o ERE ía ser duro. Entre o persoal hai unha desolación grande. Estamos a falar de 205 familias, moitas elas que teñen a súa única vía de ingresos neste traballo, que van ficar sen emprego, e iso vai ter tamén un impacto na propia economía coruñesa.

Para o ERE a empresa argumenta cuestións de produtividade ou organizativas, non económicas, pois continúan a ter beneficios millonarios

- Situades os despedimentos nunha aposta das empresas pola deslocalización, volven tocar esa tecla após uns anos de certa tranquilidade

- Estamos vendo que Telefónica [cliente principal de Extel] aposta niso, en deslocalizar e en que se atendan as chamadas desde Colombia, nun proceso que ademais se combina coa aposta en que o cliente, cando chame a estes servizos, sexa atendido por unha máquina. Ou sexa que se destrúe emprego. E non só isto, tamén hai outras consecuencias a ter en conta. Por exemplo, a maioría da xente non sabe que alí, nesa zona de Lationaamérica, non hai lei de protección de datos, así que os nosos nomes, datos bancarios, documentos de identidade... non van ter a mesma protección que aquí.

- Ademais do dereito a ser atendido en galego..

Efectivamente, ese é un dereito que vai desaparecer para os galego falantes. Pedir atención en galego garante empregos en Galiza, é importante que a xente se conciencie diso e que pida atención no noso idioma.

Somos subcontratas de grandes empresas (Telefónica, banca...), que son as que marcan o que queren e hai que cumprilo, aínda que iso supoña exprimir ao máximo os empregados, recortar

- A empresa xa lles notificou os despdimentos que contempla no ERE. Cal son agora os seguintes pasos?

- O día 4 de outubro, a vindeira terza feira, volve haber unha reunión entre os representantes dos traballadores e a empresa. Estamos estudando toda a documentación, as causas que argumentan, os criterios que empregan... mais xa adiantamos que os rexeitamos porque non nos dan ningunha confianza. Ademais, apelan a cuestións como a produtividade ou as organizativas, non económicas, pois continúan a ter beneficios millonarios.

- Esta quinta feira tendes un paro

- Temos, enmárcase nas mobilizacións a nivel de todo o Estado que xa estaban previstas no sector dos centros de chamada para denunciar o bloqueo da negociación do convenio colectivo. Mais neste protesto tamén se denunciará este ERE, claro. Pararemos 2 horas pola mañá e 2 pola tarde. O 6 de outubro haberá unha greve e unha mobilización. Chamamos os coruñeses a vir ao paro e apoiar a greve, é moi importante. Este ERE é un pao para A Coruña e o apoio e solidariedade da cidade é importante.

- As empresas de telemarketing traballan para grandes e poderosas firmas, desde Telefónica á banca. Tamén teñen responsabilidade no que acontece?

- As empresas de telemarketing tenden a exprimir ao máximo ao traballador ao tempo que apostan por reducir persoal, non en todas as empresas con formato de ERE mais con outros distintos... Somos subcontratas de grandes empresas, que son as que marcan o que queren e hai que cumprilo, aínda que iso supoña exprimir ao máximo aos empregados, recortar... Tamén teñen as súas responsabilidades, claro.

Comentarios