Nestes tres anos sen cota láctea fecharon 16% das granxas galegas

Das 9.500 explotacións en activo que había en abril de 2015 pasamos ás 7.967 a inicios deste ano. E continuamos cos prezos máis baixos de Europa.

Produción leiteira

En marzo de 2015 entraba en vigor a fin de cota láctea. Había daquela en Galiza 9.500 explotacións leiteiras e os anuncios e promesas institucionais auguraban que a liberalización do mercado ía provocar maior competitividade e, xa que logo, un aumento dos prezos que se pagaban aos produtores polo leite. Daquela, en marzo de 2015, a media que se lle pagaba a un gandeiro galego por litro de leite superaba os 30 céntimos.

Desde entón, e ao longo destes meses, en Galiza non pararon de se suceder os fechamentos de explotacións leiteiras. Até principios deste ano, 2018, por volta de 1.500; o que supón case 16% do total.

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) xa teñen denunciado que o futuro do sector lácteo pasa por unha mudanza nas políticas agrogandeiras que imperan na actualidade. “O sector lácteo galego precisa dunha política, que regule tanto a produción, como as relacións contractuais que se establecen entre os distintos axentes da cadea alimentaria. Do contrario estamos ante unha situación que pode acelerar a desaparición de explotacións leiteiras neste país”, afirman.

Mentres os principais países produtores da UE tiveron prezos medios superiores aos 35 céntimos -algúns como Alemaña, Holanda, Austria ou Irlanda en torno aos 40-, na Galiza a duras penas se superaron timidamente os 30

A supresión das cotas do leite supuxo o desregulamento total do sector e deixarlle ás industrias todo o poder para impoñer contratos con cláusulas arbitrarias e abusivas e para manter na Galiza os prezos artificialmente á baixa. Esta é a reflexión que fai o Sindicato Labrego Galego (SLG) destes tres anos sen cotas. 

Esta situación de “crise crónica do leite galego” non se corresponde coa conxuntura do sector a nivel europeo, que viviu un período de bonanza grazas á escaseza de manteiga e aos altos prezos de cotización deste produto, afirma o SLG.  Así, mentres os principais países produtores da UE tiveron prezos medios superiores aos 35 céntimos -algúns como Alemaña, Holanda, Austria ou Irlanda en torno aos 40-, na Galiza a duras penas se superaron timidamente os 30. “Os prezos do leite na Galiza están á par dos peores de Europa e son semellantes aos de países como Bulgaria, Eslovenia, Estonia, Lituania ou Romanía”.

Comentarios