O Miteco tomba o parque eólico Rebordechao, o terceiro proxectado por Statkraft na Galiza

Os proxectos Barjas e Prada, promovidos tamén por unha filial española do xigante público noruegués, obtiveron DIA desfavorábel en 2023.
Aeroxerador da compañía norueguesa Statkraft, que proxectaba tres parques no sueste galego. (Foto: Statkraft)
photo_camera Aeroxerador da compañía norueguesa Statkraft, que proxectaba tres parques no sueste galego. (Foto: Statkraft)

Freo en seco a un dos 'macroparques' eólicos proxectados en territorio galego. O Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, acordou o pasado 1 de marzo —nunha resolución publicada esta terza feira no BOE— desestimar a solicitude de Desarrollos Renovables Iberia Beta SL, a filial española do xigante público noruegués Statkraft, para construír no sueste do país o parque Rebordechao, que conformarían 25 aeroxeradores de 170 metros de diámetro de rotor e altura de buxe de 130 metros, segundo figura na documentación presentada pola empresa.

Estas instalacións, ás que se sumarían tres torres meteorolóxicas, unha subestación transformadora e unha liña de alta tensión duns 20 quilómetros de lonxitude, permitiría despregar un total de 154 megawatts (MW) de xeración de enerxía eólica previo desembolso de 120 millóns de euros. O parque e mais a súa infraestrutura de evacuación afectaría os concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Maceda, Vilar do Barrio, Laza, Castrelo do Val, Verín, Monterrei e Cualedro.

Mais agora o Miteco tomba e arquiva o proxecto alegando o seu potencial impacto sobre o medio ambiente lembrando que, de feito, non conta coa declaración de impacto ambiental (DIA) preceptiva. O citado informe foi solicitado en febreiro do pasado ano, pero un mes despois a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou o remate do procedemento por "non contar con elementos de xuízo suficientes para formular unha DIA", procedendo así ao arquivo do expediente.

O pasado 19 de xaneiro Red Eléctrica de España declarou formalmente, diante do Ministerio, a caducidade dos permisos de acceso e conexión outorgados ao parque eólico Rebordechao, dado que entende a Administración que incumpriu os fitos administrativos previstos para manter en vigor eses permisos.

Esta resolución, porén, non pon fin aínda á vía administrativa, pois Statkraft pode interpor un recurso de alzada ante a Secretaría de Estado de Enerxía no prazo dun mes a partir desta cuarta feira. Unha vez decorrido ese prazo, no caso de non recorrer a decisión do Miteco, esta si pasaría a ser firme a todos os efectos.

'Macrocomplexo' eólico

O parque Rebordechao formaría, canda os denominados Prada e Barjas, un 'macroproxecto' eólico con até 71 aeroxeradores de grande envergadura e unha potencia total instalada de máis de 430 MW, segundo figura na súa respectiva documentación. O BNG e diversas organizacións ecoloxistas denunciaron no pasado as múltiples afeccións ao medio, e nomeadamente sobre o LIC Macizo Central e o LIC Biduiral de Montederramo, que ocasionarían o que consideran tres parques eólicos "fragmentados artificialmente".

Prada e Barjas obtiveron o pasado ano senllas declaracións de impacto ambiental desfavorábeis ao entender o Miteco que a "posibilidade de impactos negativos significativos" sobre a contorna era demasiado elevada e que as medidas propostas para palialos "non presentan garantía suficiente da súa adecuada prevención, corrección ou compensación".

Comentarios