Ministros e ministras da UE decidirán en Compostela se Nadia Calviño preside o Banco Europeo de Investimentos

Os ministros e as ministras de Economía e Finanzas dos Estados da Unión Europea reuniranse en setembro en Santiago de Compostela para votar quen asumirá a Presidencia desta institución.
Nadia Calviño intervén durante unha rolda de prensa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Nadia Calviño intervén durante unha rolda de prensa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno español presentou formalmente a candidatura da vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, nada na Coruña, para presidir o Banco Europeo de Investimentos (BEI).

Segundo informou nun comunicado o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a coruñesa será unha das candidatas en liza para encabezar esta institución europea, que deberá contar cunha nova persoa á fronte da súa Presidencia en xaneiro de 2024.

Esta elección do Goberno coincide coa Presidencia española do Consello da Unións Europea (UE), baixo a que se desenvolverá unha cita económica de gran importancia na capital galega para escoller a Presidencia do BEI.

Os ministros e ministras de Economía e Finanzas da UE reuniranse os días 15 e 16 de setembro en Santiago de Compostela para votar ao que será o novo presidente ou a nova presidenta desta institución. Un acordo que sería formalmente adoptado no Consello de Gobernadores do Banco Europeo de Investimentos en outubro.

Nesta cimeira tamén se atoparán cos seus homólogos dos distintos Estados membros da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) e, paralelamente, abrirase de novo o debate das regras fiscais dentro do bloque comunitario.

Outras candidaturas

Desde a súa fundación en 1958, o Banco Europeo de Investimentos tivo sete Presidencias, todas exercidas por homes. Desta forma, de resultar escollida, Nadia Calviño converteríase na primeira muller presidenta do BEI, "un fito para a institución", destacou o Executivo estatal.

En Bruxelas, unha das principais rivais para a economista coruñesa é a vicepresidenta da Comisión Europea encargada de Competencia, Margrethe Vestager, quen vén pisando forte para substituír ao até o de agora presidente do BEI, Werner Hoyer.

Do mesmo modo, coñécese até a data (hai prazo até o 17 agosto para formalizar as candidaturas) que a ministra do Estado español terá outros tres competidores. Entre estes, o ex ministro de Finanzas de Italia, Daniele Franco. Tamén serán rivais de Calviño Teresa Czerwinska e Thomas Östros, de Polonia e Suecia, respectivamente, que ocupan actualmente as vicepresidencias do BEI.

Nadia Calviño xa desempeñou previamente varios cargos no seo da Comisión Europea e tamén no Fondo Monetario Internacional (FMI), onde segue sendo presidenta do Comité Monetario e Financeiro Internacional (IMFC). Foi designada para este último cargo en decembro de 2021.

Así mesmo, desde que forma parte do Goberno español, tamén foi proposta na súa categoría de ministra de Economía para presidir o Eurogrupo o pasado verán de 2020. Naquela ocasión quedou sen lograr os votos necesarios para ocupar un posto que caeu en mans do irlandés Paschal Donohoe.

Comentarios