A galega Nadia Calviño presidirá o organismo reitor das políticas do FMI

Relevará á primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson, e non terá que deixar o seu posto no Goberno español.
Nadia Calviño na comisión mixta para a Unión Europea. (Foto: E. Parra / Europa Press)
photo_camera Nadia Calviño na comisión mixta para a Unión Europea. (Foto: E. Parra / Europa Press)

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno español, a coruñesa Nadia Calviño, foi seleccionada como presidenta do Comité Monetario e Financeiro Internacional (IMFC, nas súas siglas en inglés), o órgano reitor das políticas do Fondo Monetario Internacional (FMI).

Relevará á primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson, que renunciou ao cargo ao que accedeu o 18 de xaneiro de 2021, sendo a primeira muller en presidilo, segundo informou o comité nun comunicado.

Calviño, que estará por un período de dous anos como presidenta do  IMFC, poderá compatibilizar este labor coas súas funcións de vicepresidenta económica no Estado español.

A número 'dous' do Executivo español recibiu o apoio dos ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea (Ecofin) para este cargo.

Trátase dun comité que xoga un papel "chave de orientación estratéxica" nas políticas do FMI, segundo indica o propio organismo, ao asesorar e informar á Xunta de Goberno sobre a supervisión e xestión do sistema monetario e financeiro internacional, incluídas as respostas ao desenvolvemento de acontecementos que poidan perturbar o sistema.

Conta con 24 membros cuxa designación reflicte o tamaño e composición do directorio executivo e o seu presidente asume xeralmente un mandato de tres anos.

Outra fronte aberta para Calviño

Este nomeamento fecha un ano "movido" para a vicepresidenta, pois á súa cuestionábel defensa da marcha da economía a nivel estatal -"Todos os indicadores confirman que a recuperación xa está en marcha”, tal e como sinalaba a finais de setembro-, engadiu a súa firme defensa do castelán sobre as linguas cooficiais na Lei Audiovisual -"O castelán é a lingua que permite un papel poderoso"-.

Comentarios