A Eurocámara insta Calviño a facilitar o control dos fondos do plan de recuperación

Unha delegación supervisará o gasto estatal dos fondos da Unión Europea.
A vicepresidenta do Executivo estatal, Nadia Calviño (Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta do Executivo estatal, Nadia Calviño, esta quinta feira (Ricardo Rubio / Europa Press).

A presidenta da comisión europarlamentaria de Control Orzamentario, a alemá Monika Hohlmeier, instou por carta á vicepresidenta española e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, a facilitar a misión de control de gasto de fondos da Unión Europea (UE) que visitará Madrid entre o 20  e o 22 de febreiro, á vez que lle afeou filtrar outra carta que a ministra lle enviou o día 13.

"Resulta sorprendente que a carta se teña difundido á prensa moi pouco despois de que eu a recibise e antes de que os membros da Comisión Europea e eu mesma tivésemos a oportunidade de tomar boa nota do seu contido", sinala a eurodeputada na crítica carta enviada.

A reprimenda da eurodeputada responde a unha primeira carta remitida por Calviño na que a vicepresidenta subliñaba que "o despregue do Plan de Recuperación está suxeito aos máis altos estándares de auditoría e control" á vez que repasaba algúns dos principais investimentos do plan e ofrecía "pleno apoio e cooperación" das autoridades do Estado español coa misión parlamentaria.

"Estou segura de que non pretendía anticipar as conclusións da misión antes de que comezase", apostilou Hohlmeier na súa resposta, na que tamén solicitou o apoio da ministra para "facilitar" unha reunión, que "lamentabelmente" aínda non se materializou, coa antiga directora xeral encargada da aplicación do plan de recuperación español en 2021, Rocío Frutos, que foi destituída o pasado outubro e a quen relevou no cargo Jorge Fabra. 

Misión de control

O obxectivo da misión da comisión de Control Orzamentario do Parlamento Europeo é avaliar a aplicación do Plan recuperación e resiliencia, incluídos os fitos e obxectivos e, en particular, os sistemas de xestión, auditoría e control estabelecidos.

A delegación que visita o Estado español -o primeiro que recibiu un pago en 2021 e que ingresou xa 31.000 millóns de euros- entre o 20 e o 22 de febreiro estará formada por 10 representantes da Eurocámara. 

A axenda prevista inclúe, ademais do encontro con Calviño, reunións coa ministra de Facenda, María Jesús Montero, e o ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, así como cos responsábeis do Plan de Recuperación, así como das oficinas de auditoría e antifraude.

Comentarios