Malestar en Vigo polo pregón en castelán da ministra Calviño no acto oficial do Día da Galiza

Polémica en Vigo. A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Economía foi a encargada de dar o pregón na conmemoración municipal do Día da Galiza, esta sexta feira, en Vigo. Un acto que fora adiado debido á vaga de calor. A intervención da coruñesa causou malestar debido a que empregou o castelán como lingua vehicular, un feito que provocou o abandono de representantes do BNG que participaban do acto.

Nadia Calviño e Abel Caballero, durante o acto (Imaxe: Javier Vázquez/ Europa Press)
photo_camera Nadia Calviño e Abel Caballero, durante o acto (Imaxe: Javier Vázquez/ Europa Press)

O Concello de Vigo conmemorou na sexta feira, 12 de agosto, o Día da Galiza cun acto decorrido nos xardíns do pazo Quiñones de León, onde a vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Economía, a coruñesa Nadia Calviño, foi a encargada de dar o pregón, que o dedicou ao escritor recentemente falecido Domingo Villar.

Fíxoo ante unhas 400 persoas nun acto que abriu a Orquestra Clásica de Vigo e na que comezou tomando a palabra o alcalde, Abel Caballero. Calviño ofreceu en galego as súas primeiras palabras e reivindicou o seu “sentimento galego”, porén, a continuación empregou como lingua vehicular do acto oficial do Día Nacional da Galiza o castelán.

A escolla lingüística da ministra galega molestou nas filas nacionalistas. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada do BNG no Parlamento Carmela González abandonaron o acto ante o que consideraron un “desprezo ao idioma oficial da Galiza, a lingua galega”.

“Non podemos seguir soportando esta galegofobia que reduce a nosa lingua propia a un idioma de segunda, e menos nun acto institucional do Concello”, puxo de manifesto Igrexas, quen lembra que a vixente ordenanza municipal de normalización lingüística estabelece o galego como idioma oficial e lingua vehicular do Concello.

"Abonda deste españolismo casposo que considera que o galego non serve para as cousas importantes", afirmou, "resulta especialmente ofensivo e denigrante que algo así suceda nun acto para celebrar o Día Nacional de Galiza na maior cidade galega".

No seu discurso, Calviño puxo Galiza como “exemplo brillante” do avance, con Vigo como “un dos seus motores” e concluíu animando o público a berros de “Viva Vigo, viva Galiza e que viva España”.

O acto que decorreu onte fora aprazado desde o pasado 25 de xullo debido ás altas temperaturas.

O Estado español como “centro loxístico” do gas

Antes de dar comezo a celebración, en declaracións aos medios, Calviño apuntaba que o Estado español “pode e debe” ser solidario con Europa e converterse no “centro loxístico” que forneza de gas o resto do continente.

O Estado español “está nunha boa disposición para converternos nun centro loxístico que poida fornecer gas ao resto de Europa. Para iso temos que reforzar os gasodutos, as interconexións eléctricas tanto con Francia como con Italia e por iso desde o Goberno acollemos favorabelmente estas iniciativas que teñen que ser abordadas polo conxunto da UE”.

Comentarios